43 concellos galegos non contan con oficina bancaria

O proceso de exclusión financeira non dá tregua. Tras perder arredor de 5.500 traballadores e traballadoras na última década e fechar máis da metade das sucursais bancarias, as entidades de crédito prepáranse para clausurar novas oficinas. A poboación do rural é por agora a máis afectada.
Protesta contra o ERE do Banco Sabadell nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nos Diario)
photo_camera Protesta contra o ERE do Banco Sabadell nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nos Diario)

O Banco de Sabadell vén anunciar o fechamento de 31 sucursais na Galiza nos próximos meses. A iniciativa avanzada pola entidade con sede en fiscal en Valencia, no marco dun expediente de regulación de emprego (ERE) para máis de 1.900 empregados no conxunto do Estado, preocupa entre traballadoras e traballadores e clientela. A maiores, este novo despedimento colectivo prodúcese só uns meses despois da saída de 1.800 traballadores e cando o grupo financeiro vén de presentar beneficios por máis de 220 millóns de euros.

A proposta do Sabadell sitúase na liña das realizadas polos principais operadores financeiros nos últimos tempos. A segunda entidade do país, o Santander, dirixida pola familia Botín, tramita un ERE para 370 empregados co fechamento de arredor de 80 sucursais, unha parte delas procedentes do Banco Popular, entidade que a súa vez ten absorbido os activos do Banco Pastor. Pola súa banda, CaixaBank prevé despedir entre 90 e 100 traballadores e fechar arredor de 15 oficinas, ficando por concretar o recorte de persoal do BBVA. Así as cousas, en 10 anos as entidades de crédito teñen prescindido de 5.500 asalariados na Galiza.

O Banco Sabadell conta cunha importante rede comercial no país, derivada da adquisición do Banco Galego tras a quebra do seu titular, Nova Galiza Banco, sendo o quinto grupo bancario en presenza na Galiza após Abanca, Santander, Caixabank e BBVA. Malia que o grupo Sabadell aparece sinalado como unha das entidades financeiras con peores ratios de solvencia do Estado nas probas de estrés realizadas á banca europea no mes de xullo, hai uns meses especulábase cunha operación corporativa de fusión entre Sabadell e Abanca, posteriormente non confirmada.

Concellos rurais

O 94,9% das sucursais do Sabadell concéntranse nos concellos de máis de 5.000 habitantes pero o groso dos fechamentos vanse centrar nas localidades de menos de 5.000 residentes. A lóxica aplicada polo Sabadell nesta reestruturación é semellante á aplicada por outras entidades, até o punto de que varios municipios galegos atópanse en pé de guerra contra as entidades de crédito. Precisamente, a pasada sexta feira, veciños de diversos municipios das comarcas coruñesas afectados polo fechamento de sucursais manifestáronse diante da sede central da Abanca da Coruña para reclamar o mantemento dos servizos bancarios, tras as últimas decisión do grupo dirixido por Juan Carlos Escotet.

Galiza perdeu o 52,15% das sucursais en dez anos

A Galiza perdeu na última década 51,52% das sucursais bancarias. Segundo os datos achegados polo Banco de España, o groso dos fechamentos están asociados aos grandes movementos de concentración financeira da primeira vaga de fusións, nun proceso especialmente lesivo para as áreas rurais. Actualmente, 43 concellos galegos non dispoñen de ningunha oficina bancaria e outros 114 só contan cunha sucursal, sendo algúns destes últimos onde se preparan novos fechamentos. A este fenómeno contribúe o proceso de dixitalización e, particularmente, a situación de oligopolio na que operan algunhas entidades.

As áreas periféricas das cidades, tamén afectadas

As áreas periféricas das cidades non escapan ao proceso de exclusión financeira, expresado no fechamento das sucursais e na redución de servizos. En Lugo fecharon en 10 anos o 26,66% das oficinas e en Ourense o 25,33%. 

Ao tempo, o horario de atención ao público diminuíu de maneira drástica nos últimos dous anos, limitando a práctica totalidade das entidades o horario de caixa de 8.30 a 11 horas. Curiosamente, este novo modelo asistencial coincide cun aumento das comisións bancarias.

Comentarios