Os 27 fechan o acordo coas normas da nova PAC
Os países da Unión Europea e o Parlamento Europeo chegaron no día de hoxe a un acordo sobre as regras que rexerán o funcionamento da Política Agrícola Común (PAC) a partir de 2023, coa que o bloque quere aumentar a contribución do sector agrario á loita contra o cambio climático e ao Pacto Verde.
Foron necesarios tres anos de negociacións entre os Estados membros e os eurodeputados e eurodiputadas para desbloquear os tres regulamentos da nova PAC, que introducirá como grandes novidades os chamados 'ecoesquemas' e un novo modelo baseado nos plans nacionais de xestión.
"Prodúceme unha gran satisfacción poder dicir que o conseguimos!", anunciou na rede social Twitter o comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski, quen admitiu que desexaría un "resultado diferente" nalgúns aspectos, pero está "contento" co acordo alcanzado a nivel xeral.
O acordo foi fechado entre o equipo negociador do Parlamento Europeo e o goberno de Portugal, que até finais de mes actúa en representación dos Vinte e sete como presidencia de quenda da Unión Europea. Os ministros de Agricultura dos Estados membros reúnense a segunda e terza feira da próxima semana para valorar o resultado e decidir se dan o seu visto e prace.
O novo modelo de xestión da PAC estará baseado nos plans estratéxicos nacionais dos países membro en función duns obxectivos e indicadores comúns que terán que ser aprobados pola Comisión Europea.
A outra novidade chegará no 2023 coa introdución dos novos réximes ecolóxicos ou 'ecoesquemas', un novo pagamento ao que as persoas produtoras poderán decidir se se acollen ou non, e que busca compensar prácticas beneficiosas para o medio ambiente que sexan máis ambiciosas dos requisitos obrigatorios. A dotación mínima foi o gran escollo da negociación.
Así, os estados querían que se reservase 20% dos pagos directos a estes ecoesquemas, pero desde o Parlamento reclamaban 30%. O punto intermedio foi a solución de compromiso: 25% das axudas directas a estes novos réximes ecolóxicos.
A cambio desta porcentaxe, os Vinte e sete lograron estabelecer cláusulas de flexibilidade para que os cartos non se perda no caso de que sexa imposíbel chegar ao devandito limiar.