As 100 maiores empresas de armamento do mundo aumentaron 4,2% os seus ingresos en 2023
As 100 maiores empresas de armamento e servizos militares do mundo alcanzaron uns ingresos por vendas de armas de 597.473 millóns de euros no ano 2023, un aumento de 4,2% en termos reais respecto a 2022, segundo os datos publicados polo Stockholm International Peace Research Institute (Sipri). A suba da demanda armamentística mundial ante as guerras e tensións rexionais impulsou o crecemento dos ingresos por armas en todas as áreas examinadas.
Os maiores aumentos porcentuais producíronse en Rusia (+40%) e Oriente Medio (+18%), por diante de Asia e Oceanía (+5,7%), de América do Norte (+2,4%) e de Europa (+0,2%). Así, os ingresos totais por armas do top 100 aumentaron 19% entre 2015 e 2023.
Ademais, un total de 73 das 100 empresas rexistraron crecemento interanual en comparación coas 47 de 2022. En particular, máis empresas da metade inferior do top 100 (40 de 50) aumentaron os seus ingresos en 2023 con respecto ás da metade superior (33 de 50).
Os EUA seguen á cabeza
Entre as 100 maiores empresas de armas, a clasificación por volume de ingresos por vendas en 2023 coloca a cinco empresas estadounidenses á cabeza da listaxe, da que forman parte un total de 41 compañías con sede nos Estados Unidos de América, cunha facturación agregada de 299.682 millóns de euros, 2,5% máis que no ano 2022.
Á marxe de América do Norte, un total de 27 empresas de armamento europeas, sen contar as rusas, figuran na listaxe, cunha facturación agregada de 125.734 millóns de euros, 0,2% máis que un ano antes.
Entre o centenar de empresas, Navantia é a única empresa con presenza na Galiza –tamén a única con sede no Estado español–que figura na clasificación, cuns ingresos por vendas de armas de 11.125 millóns de euros en 2023, 13% máis, o que a sitúa na posición 88, seis postos por riba do que ocupaba en 2022.
No contexto das agresións sobre Gaza, os ingresos por armas das tres empresas israelís presentes na clasificación chegaron a 12.857 millóns de euros, a cifra máis alta rexistrada por empresas israelís no top 100.
Pola súa parte, a produción rexistrou un forte aumento dos ingresos por armas das dúas empresas rusas que figuran na listaxe, cunha alza de 40%, alcanzando unha cifra combinada de 24.107 millóns de euros.
