Conta atrás para a Folga Xeral do 14N

Asembleas nos centros de traballo e accións a pé de rúa son o eixo sobre o que as centrais sindicais convocantes están a desenvolver unha interlocución directa coa clase traballadora e o conxunto da sociedade para que a xornada de paro sexa un éxito. Vigo acollerá a manifestación central da xornada cun percorrido novo para acoller unha mobilización que se prevé masiva.
Vista da asemblea comarcal de delegad@s da CIG
photo_camera Vista da asemblea comarcal de delegad@s da CIG

Os sindicatos teñen toda a súa maquinaria organizativa a traballar arreo cando restan apenas 8 días para a xornada de folga xeral do vindeiro 14 de novembro. CIG, CCOO e UGT, e outras organizacións sindicais, desenvolven unha intensa acitivade axitativa, que segundo sinalan está a ser acollida cunha boa resposta por parte das e dos traballador@s. Asembleas nos centros de traballo e accións a pé de rúa son o eixo do traballo sindical, con que pretenden desenvolver unha interlocución directa coa clase traballadora e co conxunto de sociedade, coas miras postas en lograr unha xornada de paro masivo. 

As centrais xa teñen organizada unha xornada de folga que se promete intensa. Alén dos piquetes informativos, con que pretenderán máis unha vez contrarrestar as presións patronais contra as e os traballador@s e animar a secundar o paro, os sindicatos farán un esforzo adicional para que a paralización da produción se visualice nas rúas. Neste sentido, as manifestacións que se realizarán ao longo de toda a xornada, nomeadamente durante a mañá mais tamén pola tarde --"porque a folga é de todo o día" lembran, gañan especial relevancia. O feito de que a folga teña lugar poucas semanas despois da vitoria electoral do Partido Popular nos comicios galegos do 21-O, motiva que se procure que o 14N sirva como demostración "de que a súa maioría é só parlamentar, mais a maioría do pobo estamos en contra da súa política de saqueo social en beneficio da banca" co obxectivo --din-- de forzar un cambio de rumbo.

Asembleas e concentracións da CIG para quentar motores

O traballo d@s delegad@s sindicais centrarase na repulsa ás políticas de austeridade, que están a provocar unha cada vez maior contracción económica, "afondando na situación de crise que padecemos, afogando os servizos públicos e os servizos sociais e un constante incremento do desemprego". Asembleas e concentracións de delegadas e delegados da CIG están a se suceder nas diferentes comarcas do país, coa preparación e organización da Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro como cuestión de primeiro orde. Así mesmo, en cidades como Compostela, @s delegad@s tamén realizaron unha concentración chamando a partircipar na xornada de paro.

Na central nacionalista enténdese que a cita do 14N é de grande importancia para evidenciar o rexeitamento que na maioría social de Galiza existe cara a esas políticas.  "Hai que responder as medidas adoptadas polo goberno durante os meses de verán. Políticas de recorte de dereitos moi duras que nos están a levar a unha situación e a unhas condicións de precariedade e de empobrecemento da poboación intolerábeis”.

Previsión dunha folga masiva en Vigo

A CIG, primeira forza sindical na comarca de Vigo tanto en afiliación como en representación sindical, realizou esta mañá unha asemblea comarcal de delegadas e delegados, que contou coa participación de varios centos de representantes sindicais da central nacionalista.

En Vigo prevese unha resposta masiva, e as tres centrais sindicais convocantes, veñen de acordar un percorrido para a manifestación diferente aos habituais. "Vimos constatando que o percorrido tradicional --desde o Calvario até a Porta do Sol ou a delegación da Xunta-- quedaba raquítico para acoller manifestacións tan numerosas como as que se están a suceder na cidade" explicou Serafín Otero, secretario comarcal da CIG.

Neste sentido, o vindeiro 14 de novembro a manifestación de Vigo, que será asemade a convocatoria central a nivel galego coa participación dos secretarios xerais da CIG, UGT e CCOO en Galiza, decorrerá desde a Praza dos Cabalos a través da Gran Vía da cidade olívica para rematar na Praza de América. A escolla, por vez primeira, desta praza para o remate da manfiestación faise por ser unha das maiores da cidade, "con capacidade suficiente para acubillar as cen mil persoas" que desde as centrais sindicais estiman que como mínimo participarán na marcha.

Comentarios