Yaiza Novo e Sara Durán, bronce no K4 500 do Mundial sub-23

O piragüismo galego amosa músculo en Portugal.
Yaiza Novo e Sara Durán, xunto a Carla Corral e Daniela García, esta sexta feira. (Foto: FGP)
Yaiza Novo e Sara Durán, xunto a Carla Corral e Daniela García, esta sexta feira. (Foto: FGP)

A presenza galega no Campionato do Mundo de Sprint Júnior e Sub-23, que acolle desde o 23 de xullo a localidade portuguesa de Montemor-o-Velho, continúa a achegar boas novas. Pasado o ecuador da competición na que participan un total de 24 padexeiras e padexeiros da Galiza, as expectativas subiron despois de ver as últimas actuacións sobre as instalacións internacionais situadas no distrito de Coimbra. 

Esta sexta feira, a embarcación galega do K4 500 sub-23, con Yaiza Novo (Piragüismo Rías Baixas) e Sara Durán (Piragüismo Portonovo) a bordo, logrou a medalla de bronce na final de 500 metros, após unha gran actuación. Acompañadas por Carla Corral e Daniela García, cruzaron a meta nun tempo de 1:39.26, superadas unicamente polas potencias de Eslovaquia, que levou o ouro con 1:37.28, e Australia, segunda con 1:38.96.

Ademais do podio do K4 feminino, Galiza contou cunha destacada presenza noutras seis finais do día. Na categoría júnior masculina de K4 500 metros, a embarcación de Borja López (Club Náutico Firrete) e Miguel Blanco (Club Ría de Aldán), xunto a Jaime López e Gonzalo Selectos, finalizou na sétima posición cun rexistro de 1:33.03 nunha final dominada polos padexeiros de Hungría con 1:27.60. Na final feminina de K4 500 metros, o combinado de Natalia Moreira (Escola de Piragüismo de Pontevedra) e Sofía Parada (Club Piragüismo Portonovo), acompañadas por María Martínez e Celia Llera, tamén alcanzou a sexta praza cun crono de 1:46.39. O ouro foi para Hungría con 1:40.49.

Pola súa parte, a padexeira de Ribadumia Lara Remigio (Club Náutico O Muiño) participou na final júnior do C2 500 metros, formando parella con Candela Mayoral. Finalizaron na oitava posición cun tempo de 2:18.83, nunha proba que se adxudicou a embarcación de AIN con 2:06.84. Na proba K4 500 metros masculina da categoría sub-23, quedou sétimo o equipo no que participan Óscar Allegue (Club Náutico Firrete) e Mauro Domínguez (Club Piragüismo Verducido), xunto a Marcos Caballero e Alberto Llera.

O seu tempo foi de 1:26.69 nunha final que gañou Hungría cun crono de 1:22.86. Na final masculina de C4 500 metros da categoría júnior, a participación galega rozou o podio cunha meritoria cuarta posición e un tempo de 1:41.32. Jairo Zurita (Club Piragüismo As Torres), Héctor Vázquez (Club Fluvial de Lugo) e Javier Cid (Club Ría de Betanzos), acompañados por Alberto Ruiz non puideron levar medalla. Polonia, con 1:39.97, alcanzou o ouro.

Tamén en cuarta posición finalizou o C4 sub-23 con Pedro Torrado (Club Piragüismo As Torres) e Martín Jácome (Escola de Piragüismo de Pontevedra), xunto a Daniel Ros e Adrián do Barrio. O seu tempo foi de 1:37.19, nunha regata moi disputada que gañou Ucraína gañou cun tempo de 1:35.73.

Finalmente, a tudense Uxía Rodríguez (Club Kaiak Tudense) fechou a xornada coa final do K1 1000 metros sub-23. Asinou un tempo de 4:24.44, que a situou na novena posición dunha proba gañada pola italiana Lucrezia Zironi con 4:03.80.

Para hoxe están previstas as finais con Natalia Moreira (14.15 horas); Silvia Gago (15.02 horas); Hector Vázquez (15.18 horas); Raúl Fernández (15.48 horas); Laura Remigio xunto con Marta Castiñeiras (16 horas); Martín Jácome (15.54 horas); Claudia Couto (16.06 horas); Lucía Val (16.23 horas); e Pablo Crespo (17.10 horas).

Comentarios