A Xunta lembra ás federacións deportivas que a actividade non volverá "até que existan garantías absolutas"

Reunión virtual das persoas responsábeis do fútbol galego (Foto Nós Diario)
photo_camera Reunión virtual das persoas responsábeis do fútbol galego (Foto: Nós Diario)

A Secretaría Xeral para o Deporte, no marco dunha serie de encontros virtuais que está a desenvolver con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para "minimizar" os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo, levou a cabo unha xuntanza coas federacións galegas de vela, atletismo, fútbol e automobilismo nas que salientou que "a actividade non poderá reiniciarse até que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene".

Nestas reunións, federacións e Xunta tamén analizaron o estado do convenio de colaboración asinado entre os dous entes para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte da Galiza, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade.

Do mesmo xeito, estudáronse as posibilidades de resolver as competicións que quedaron suspendidas polo coronavirus ou o xeito de retomar a actividade deportiva con todas as garantías de seguridade.

No caso da Real Federación Galega de Fútbol, barallouse a posibilidade de que a actividade poida ser retomada cara o último trimestre do ano, en función da evolución da situación. Con todo, a través da póliza do seguro deportivo garántese a cobertura actual dos deportistas que estean en período de curación, operación ou rehabilitación.

Por outra banda, a Federación Galega de Atletismo no nome do seu presidente, Isidoro Hornillos, informou á Secretaría Xeral do persoal que ten en nómina e que segue a desempeñar as súas funcións tras a aplicación dun ERTE parcial, así como do estado das súas contas. Ambas entidades formularon a posibilidade de retomar a actividade, como no caso do fútbol, cara o último trimestre do ano.   

No que atinxe á Real Federación Galega de Vela, o secretario xeral, Lete Lasa felicitou o presidente da federación, Manuel Villaverde, "polo bo estado das contas" e analizouse a posibilidade de que os campionatos estatais que foron suspendidos poidan ser levados a cabo, sempre que a situación así o permita, así como as competicións internacionais para aqueles deportistas galegos clasificados no último trimestre do ano.

Finalmente, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, e o secretario xeral analizaron as posibilidades de modificar o calendario do campionato galego, "sempre en consonancia coa realidade de cada momento e de acordo cos organizadores dos rallys, as escudarías, etc.".

Comentarios