Xinzo recibe o Galego de campo a través

O inverno, no referente ao atletismo, é sinónimo de pista cuberta e de campo a través, modalidade esta última que coroará as súas novas raíñas e reis da Galiza no Campionato Xunta das categorías absoluta, Sub-23 e Sub-20.
A carreira absoluta feminina é a que, sobre o papel, presenta un maior interese dada a calidade das corredoras que serán da partida. (Foto: FGA).
photo_camera A carreira absoluta feminina é a que, sobre o papel, presenta un maior interese dada a calidade das corredoras que serán da partida. (Foto: FGA)

Un total de 130 atletas procurarán no Hipódromo de Antela, no concello de Xinzo, facerse o 15 de xaneiro co prestixioso título, que alcanza a súa LXXXVII edición.

Na categoría Sub-20 masculina repiten do ano pasado os célticos Juan Núñez e Mario Rodríguez, quen serán os principais aspirantes aos postos importantes, sen esquecer os debutantes nesta categoría, Victor Ramos (Triki Team) e Héctor Rodríguez (A Purísima). Nas mulleres,  Alejandra Formoso (Triki Team) parte como gran favorita a facerse co título.

Con respecto aos e ás atletas Sub-23 e absolutas, estas compartirán carreira nunha distancia de 9.000 metros, emerxendo o de Hugo García (Real Club Celta) como nome a ter en conta entre os homes Sub-23, mentres que no referente aos seus homólogos na absoluta destaca Esteban Iglesia (Lucus Caixa Rural), e máis tendo en conta a ausencia do gañador do ano pasado, Antonio Serrat.

Non obstante, sobre o papel o prato forte estará na categoría feminina, na que serán da partida atletas de relevancia internacional. Encabeza esta listaxe a gañadora do ano pasado en Ridadavia, María Cedrón (Adas Cupa), que aspira a revalidar o seu título na categoría Sub-23, agardándose na absoluta un duelo de poder a poder entre , Edymar Brea (Ada Calviá) e a veterana Esther Navarrete, que regresa á disciplina do Celta.

O rol de tapadas recaerá neste 2023 en Laura Santos, Sofia Freaza, Sandra Mosquera, Soledad Castro e a sempre competitiva Julia Vaquero.

Compostela ten novo delegado federativo

A Federación Galega de Atletismo (FGA) ten novo delegado en Compostela, o empresario José Manuel Ruíz. Este movemento chega poucas semanas despois do cambio na presidencia do ente, agora dirixido por Iván Sanmartín, que sucedeu Isidoro Hornillos.

Regresa o Trail Muíños do Folón

O certame está programado para o próximo 5 de marzo. (Foto: Concello do Rosal)
O certame está programado para o próximo 5 de marzo. (Foto: Concello do Rosal)

O Trail Adventure Muíños do Folón encara a súa próxima edición. Desde a organización informaron esta cuarta feira de que xa están abertas as inscricións para participar nesta proba que conta coa colaboración do Concello do Rosal (Baixo Miño).

Este certame, programado o vindeiro día 5 de marzo, volverá así percorrer os espazos naturais rosaleiros e "abrir a todas e todos os participantes os nosos muíños, sinal de identidade de valor patrimonial do noso municipio", tal e como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Neste 2023 o Trail contará de novo con dous percorridos con diferente distancia e desnivel: por un lado, a modalidade Adventure, con 12 quilómetros e 450 metros de desnivel; e por outra, a Advance, con 21 quilómetros de extensión e 950 metros de desnivel.

O evento, que forma parte da Liga Provincial Pontevedra Trail, contará con 500 prazas e con ela as persoas participantes percorrerán algunhas das zonas máis emblemáticas da localidade, "como os muíños do Folón e do Picón, así como as fervenzas do río da Cal".

Comentarios