Volve a Parroira Bike para pór en valor a riqueza patrimonial e natural da Merca

Participantes da Parroira Bike 2017 pasando por diante dos canastros na Merca. (Foto: Nós Diario)
Máis de 250 ciclistas inscribíronse para realizar un percorrido de 42 km polo concello da Merca na que xa está considera como tradicional proba de ciclismo Parroira Bike.

A bicicleta de montaña (BTT) segue a ter moita aceptación na Galiza e a súa popularidade medrou nos últimos anos. Unha parte importante da súa promoción ten que ver coas numerosas probas espalladas polo país, froito do traballo de clubs e asociacións que queren conxugar deporte e natureza. Un exemplo é Ovala2, a entidade da Merca que continuou organizando a Parroira Bike, unha proba que volve este ano ás orixes de cando naceu, no ano 2010, co formato clásico.

O domingo 23 de outubro recupérase após as restricións pola pandemia e cunha participación de máis de 250 ciclistas, un percorrido de 42 quilómetros e un acumulado de 1.450 metros positivos cunha dificultade media alta.

O secretario e o vogal da Asociación Deportiva Ovala2, José Ribo, lembra a Nós Diario que a iniciativa xurdiu no lugar de Parroira, na Santa María de Corbillon da Merca (na comarca de Celanova), hai doce anos, coincidindo co momento en que estaba máis en auxe a práctica da BTT.

“Todo o mundo quería facer un club e comezamos daquela. Ao principio foi algo informal, mais despois medrou”, explica. A proba continúa malia que a organización variou. En 2018 segréganse algúns compoñentes dun club de enduro e crean a AD Ovala2. "Boa parte eramos da Merca e participamos na organización doutras edicións do Parroira Bike polo que a  continuidade dela foi algo lóxico", sinala Ribo. 

A evolución do roteiro

Desde que se realizou a primeira, os diferentes clubs que organizaron a Parroira foron modificando o seu roteiro nas distintas edicións. O territorio que percorren, principalmente, pertence ao concello da Merca, mais fan entradas puntuais nos municipios de Celanova, A Bola e Allariz. Os dous primeiros anos (2010 e 2011) a saída e a chegada era no Gastro-bar A Parroira, como unha xuntanza entre amantes destes deporte que querían coñecer a zona.

A seriedade do proxecto chega nas dúas edicións seguintes, cando se incorpora un lugar con duchas ao final do percorrido, estabelecendo a saída e chegada no campo de fútbol da Merca, situado na parroquia de Proente. Coa popularización da carreira trasladouse este emprazamento ao pavillón polideportivo municipal para que lle resultara máis doada a localización ás persoas que viñan de fóra.

Durante as nove edicións anteriores o principal obxectivo das diferentes organizacións foi facer unha ruta que non pasase por estradas asfaltadas nin pavimentadas de formigón. “Este ano a proba será puro BTT, polos sendeiros da Merca e entrando nos concellos da Bola e Allariz”, asegura Ribo, “visitamos as paraxes máis turísticas do municipio, como a igrexa de San Pedro da Mezquita, do século XII, e a agrupación de canastros da Merca, a segunda máis grande de Europa”, engade.

Tamén pasarán por construcións máis contemporáneas como o Canal do Ruca, unha canle de pedra construída a principios do século XX na marxe dereita do río Arnoia coa intención de mover as turbinas da fábrica de luz de Entrambosríos e que nunca chegou a funcionar. "Buscamos promocionar a zona e que se coñeza", resume este voceiro da organización.