Viveiro reunirá a 200 ciclistas no Campionato da Galiza BTT Maratón

A última proba de BTT Maratón realizárase en Lalín e tivo que suspenderse a seguinte pola situación de pandemia. A nota positiva deste ano foi, tamén, a recuperación da Copa Galiza.
Gañadoras e gañadores da anterior edición de 2019 en Lalín (FGC)
photo_camera Gañadoras e gañadores da anterior edición de 2019 en Lalín (Foto: FGC)

O Cross Country Maratón (XCM) galego poderá este sábado, despois de moito tempo, actualizar a súa listaxe de campións.

A Covid-19 impediu que os títulos de BTT Maratón se puxeran en xogo no 2020 polo que a espera para volver coroar ás e aos mellores fondistas do panorama galego concluirá esta fin de semana coa disputa da Viveiro Bike Xtreme.

O desafío, organizado pola Peña Ciclista Lar Viveiro, comezará ás 10 horas con saída na praza Pastor Díaz e terá un percorrido de 65 quilómetros con 2.500 metros de desnivel positivo acumulado. 

Sen realizarse desde 2019

Perto de 200 corredoras e corredores, entre as inscricións no campionato e nas dúas marchas cicloturistas, competirán nun evento que, malia os contratempos, volve á escena 28 meses despois.

A súa anterior edición foi en Lalín, na Bike Race do 2019, unha proba que tamén exercera de clausura do Open de España.

Naquela ocasión fixéronse coas camisolas galegas Lara Lois e Brandán Márquez en elites, Silvia Blanco e Fernando Guerra en máster-30, Ana González e Alejandro Trasbach en máster-40 e Francisco Xavier López nos máster-50. 

O BTT Maratón galego logrou  esta tempada nove medallas no Campionato de España.

Rexurdiu ao recuperar a Copa Galiza onde gañaron Rebeca Muñoz (Ribadumia) e Alberto Alanís (Burgas Bike) que competirán en Viveiro, ao igual que a escuadra do Extol MTB Team, con bos resultados no Open XCM estatal. 

Comentarios