Volve a Liga con retos de altura para todos os galegos
A tan só dúas semanas da tradicional parada ligueira de Nadal, o Celta decide cara onde mira na clasificación no choque deste domingo ante o Valencia (21 horas). Sumar os tres puntos ante un rival directo como son os ché non só deixaría atrás -por fin- a pantasma dos postos de descenso, senón que representaría un salto de calidade até a zona nobre.
A teórica igualdade entre ambas as escuadras, máis o feito de que os dous equipos acumulen catro xornadas sen perder, fai moi difícil prever un resultado nun choque de estilos entre o xogo vistoso e alegre de Coudet e a aposta pola disciplina táctica -non poucas veces combinada cunha intensidade que raia coa violencia- de Bordalás, o que no mellor dos casos dará como resultado un bo espectáculo de fútbol para as espectadoras que se congreguen tanto en Balaídos como diante da pequena pantalla.
O Lugo afronta o perigo dun Ibiza cos petos cheos
Nunha situación semellante á do Celta está o Club Deportivo Lugo. Os albivermellos, situados na décimo sétima posición con 21 puntos, teñen unha grande oportunidade (domingo, 18.15 horas) de asentarse na zona morna da clasificación a costa dun Ibiza que ocupa a décimo segunda praza con tan só dous puntos máis que o seu rival.
Porén, e a pesar da súa condición de equipo recentemente ascendido, hai que destacar o feito de que o ibizenco é un combinado configurado a golpe de talonario polo ex presidente do Valencia Amadeo Salvo, até o punto de que case multiplica por dous o límite salarial do conxunto galego.
De cara ao posíbel once escollido polo técnico Rubén Albés para este compromiso, o vigués deixou clara as súas intencións cando sinalou que operará "cun equipo case totalmente diferentes" con respecto ao choque copeiro da quinta feira contra o Unión Adarve e que superaron in extremis na lotería dos penaltis logo de finalizar o tempo regulamentario con empate (2-2)
Derbi con polémica entre Rácing e Deportivo
A rivalidade entre Rácing de Ferrol e Deportivo non é de hoxe, pero o salto de calidade dado polos coruñeses a principios dos anos 90 arrefriou uns duelos dos que se escribirá un novo capítulo este sábado ás 19 na Malata.
Curiosamente, a narrativa máis interesante nas xornadas previas non a asinaron os adestradores coas súas tácticas, nin os xogadores coas súas declaracións, senón a afección branquiazul, que nun exemplo de picaresca que lle sacaría un sorriso ao mesmísimo autor do Lazarillo de Tormes -sexa quen sexa- tratou de evitar o límite de 900 entradas para seareiras deportivistas imposto pola directiva Departamental sacando o abono dos Diaños Verdes, pero a entidade ferrolá detectou e bloqueou a iniciativa.
Finalmente, o terceiro equipo galego na Primeira RFEF, o Celta B, visita o domingo ás 17 horas o campo da histórica Cultural Leonesa, con ambos instalados no ecuador da clasificación e a vista posta nunha zona de play-off da que o filial celeste está a tan só catro puntos de distancia.
Irregular sorteo na Copa
Os cinco equipos galegos no bombo do sorteo da segunda fase da Copa, que se desenvolveu en Madrid durante a mañá desta sexta feira, xa coñecen os seus rivais.
Así, o Celta terá un longo desprazamento até o Principado de Andorra para tratar de superar unha eliminatoria na que o inimigo máis importante dos olívicos será o céspede artificial do Estadio Nacional de Andorra.
O Lugo, pola súa banda, xogará con outro equipo de Segunda, o Mirandés, e o Dépor recibirá en Riazor o Osasuna de Primeira, mesma categoría na que militan os rivais do Bergantiños e o Arenteiro: Raio Vallecano e Valencia, respectivamente.