Volve a Liga con retos de altura para todos os galegos

Finalizada a primeira fase copeira, o foco de atención dos principais conxuntos do país volve estar na competición da regularidade, onde tanto Celta como Lugo confirmarán se miran cara arriba na táboa ou se desconectan case definitivamente da zona nobre nun duelo ante equipos "da súa liga", 
 
De marcar, Iago Aspas confirmaría totalmente que os seus problemas para ver porta de principios de tempada son xa cousa do pasado. (Foto: EP).
photo_camera De marcar, Iago Aspas confirmaría totalmente que os seus problemas para ver porta de principios de tempada son xa cousa do pasado. (Foto: EP)

A tan só dúas semanas da tradicional parada ligueira de Nadal, o Celta decide cara onde mira na clasificación no choque deste domingo ante o Valencia (21 horas). Sumar os tres puntos ante un rival directo como son os ché non só deixaría atrás -por fin- a pantasma dos postos de descenso, senón que representaría un salto de calidade até a zona nobre.

A teórica igualdade entre ambas as escuadras, máis o feito de que os dous equipos acumulen catro xornadas sen perder, fai moi difícil prever un resultado nun choque de estilos entre o xogo vistoso e alegre de Coudet e a aposta pola disciplina táctica -non poucas veces combinada cunha intensidade que raia coa violencia- de Bordalás, o que no mellor dos casos dará como resultado un bo espectáculo de fútbol para as espectadoras que se congreguen tanto en Balaídos como diante da pequena pantalla.

O Lugo afronta o perigo dun Ibiza cos petos cheos

Nunha situación semellante á do Celta está o Club Deportivo Lugo. Os albivermellos, situados na décimo sétima posición con 21 puntos, teñen unha grande oportunidade (domingo, 18.15 horas) de asentarse na zona morna da clasificación a costa dun Ibiza que ocupa a décimo segunda praza con tan só dous puntos máis que o seu rival.

Porén, e a pesar da súa condición de equipo recentemente ascendido, hai que destacar o feito de que o ibizenco é un combinado configurado a golpe de talonario polo ex presidente do Valencia Amadeo Salvo, até o punto de que case multiplica por dous o límite salarial do conxunto galego. 

De cara ao posíbel once escollido polo técnico Rubén Albés para este compromiso, o vigués deixou clara as súas intencións cando sinalou que operará "cun equipo case totalmente diferentes" con respecto ao choque copeiro da quinta feira contra o Unión Adarve e que superaron in extremis na lotería dos penaltis logo de finalizar o tempo regulamentario con empate (2-2)

Derbi con polémica entre Rácing e Deportivo

A rivalidade entre Rácing de Ferrol e Deportivo non é de hoxe, pero o salto de calidade dado polos coruñeses a principios dos anos 90 arrefriou uns duelos dos que se escribirá un novo capítulo este sábado ás 19 na Malata.

Curiosamente, a narrativa máis interesante nas xornadas previas non a asinaron os adestradores coas súas tácticas, nin os xogadores coas súas declaracións, senón a afección branquiazul, que nun exemplo de picaresca que lle sacaría un sorriso ao mesmísimo autor do Lazarillo de Tormes -sexa quen sexa- tratou de evitar o límite de 900 entradas para seareiras deportivistas imposto pola directiva Departamental sacando o abono dos Diaños Verdes, pero a entidade ferrolá detectou e bloqueou a iniciativa.

Finalmente, o terceiro equipo galego na Primeira RFEF, o Celta B, visita o domingo ás 17 horas o campo da histórica Cultural Leonesa, con ambos instalados no ecuador da clasificación e a vista posta nunha zona de play-off da que o filial celeste está a tan só catro puntos de distancia.

Irregular sorteo na Copa 

Os cinco equipos galegos no bombo do sorteo da segunda fase da Copa, que se desenvolveu en Madrid durante a mañá desta sexta feira, xa coñecen os seus rivais.

Así, o Celta terá un longo desprazamento até o Principado de Andorra para tratar de superar unha eliminatoria na que o inimigo máis importante dos olívicos será o céspede artificial do Estadio Nacional de Andorra.

 O Lugo, pola súa banda, xogará con outro equipo de Segunda, o Mirandés, e o Dépor recibirá en Riazor o Osasuna de Primeira, mesma categoría na que militan os rivais do Bergantiños e o Arenteiro: Raio Vallecano e Valencia, respectivamente.

Comentarios