Volve a Copa Deputación da Coruña de Piragüismo

A segunda etapa do certame será en Betanzos.
Os e as padexeiras deberán completar 3.000 metros no Mandeo. (Deputación da Coruña).
photo_camera Os e as padexeiras deberán completar 3.000 metros no Mandeo. (Deputación da Coruña).

Betanzos acolle este sábado a segunda proba do III Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, unha competición que organiza en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) na que está prevista a participación de 13 clubs e máis de 300 deportistas con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos das categorías pre benxamín, benxamín, infantil e cadete nas modalidades de caiac e canoa.

Trátase da segunda proba do Circuíto, logo da disputada en Pontedeume o pasado 1 de maio, e continuará con outras regatas previstas na Coruña (As Xubias, 7 de xullo), Boiro (O Barbanza) o 4 de agosto e As Pontes (Eume) o 7 setembro.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, presentou o evento acompañado da alcaldesa de Betanzos, María Barral, e do presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Bea, destacando durante a súa intervención o "éxito de convocatoria", que demostra o feito de que esta nova edición do certame "está xerando unha elevada expectación".

Con respecto á súa estrutura, revelou que en cada unha das cinco probas estabelecerase o percorrido "máis axeitado" en función do lugar de desenvolvemento da regata, sinalizado con balizas sobre boias e tendo como referencia a distancia de 1.500 metros para benxamíns e alevíns e os 3.000 metros para infantís e cadetes, que optan a 16.900 euros en premios a repartir entre as 13 escuadras participantes, con galardóns especiais de 2.900, 2.450 e 2.000 euros por cada padexeiro ou padexeira que remate en primeira, segunda e terceira posición, respectivamente.

Case un millón de euros en axudas ao deporte

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou no seu número desta sexta feira a aprobación definitiva do programa de apoio ao deporte da Deputación da Coruña, plan ao que nesta ocasión destinará un total de 882.977,70 euros.

En total, beneficiaranse do mesmo 215 entidades deportivas sen ánimo de lucro de todas as disciplinas que participen nas "competicións máis modestas", cuns importes subvencionados que van desde os 6.500 euros aos 1.300 euros, en función do coeficiente obtido e do orzamento xustificado, cantidades que deben destinarse a financiar a participación en eventos.

Máis en DEPORTES
Comentarios