Veloso, segundo na Volta a Portugal tras gañar a contrarreloxo de Lisboa

O seu compañeiro de equipo Amaro Antunes impúxose na clasificación xeral, e o W52-FC Porto consegue o quinto título consecutivo da rolda lusa.
gustavo_cesar_veloso
photo_camera O ciclista de Vilagarcía de Arousa Gustavo César Veloso, entrevistado polos medios portugueses (W52-FC Porto)

O ciclista arousán Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) finalizou en segunda posición a Volta a Portugal 2020, que acabou hoxe en Lisboa coa disputa dunha proba contrarreloxo. Veloso impúxose nesta derradeira etapa, mais o seu compañeiro de equipo Amaro Antunes fixo valer a vantaxe que acumulaba dos días previos para defender o primeiro posto e conseguir o triunfo final na rolda lusa.

Antunes e Veloso estiveron acompañados no podio polo portugués Frederico Figueiredo (Atum Xeral-Tavira), que foi terceiro na clasificación xeral.

As derradeiras pedaladas desta edición especial da Volta a Portugal confirmaron o favoritismo do conxunto portista. Gustavo César Veloso puxou dos galóns de contrarreloxista e, depois de abrir a Volta gañando o prólogo, fechou a carreira impoñéndose na contrarreloxo lisboeta. 

O de Vilagarcía foi máis rápido que todos os seus 88 rivais e completou o exercicio individual en 21m34s, cunha media de 49,243 km/h. António Carvalho (Efapel) foi o segundo mais rápido do día, a oito segundos, e o francés Anthony Delaplace (Team Arkéa Samsic) fechou o podio da xornada, a 17 segundos de Veloso.

O algarvio Amaro Antunes, non sendo contrarreloxista, defendeuse da mellor forma, selando a conquista da Camisola Amarela, grazas ao sétimo tempo na etapa, a 31 segundos do vencedor. Vestindo de amarelo desde a segunda etapa, cando chegou en solitario ao alto da Senhora da Graça, Antunes ─que xa fora segundo na Volta de 2017─ non cedeu até onte nin un segundo aos seus rivais. O ciclista do Algarve sucede no palmarés da Volta a Portugal ao seu compatriota João Rodrigues, vencedor en 2019. 

Bicampeón

O corredor galego suma coa de onte 12 vitorias nesta carreira, a metade delas en cronos. Foi campión da Volta a Portugal nos anos 2014 e 2015. En 2013 e 2016, ao igual que nesta edición 2020, rematou na segunda posición. E o ano pasado subiu ao terceiro caixón do podio.

"Saín a loitar pola contrarreloxo, mais tamén para tentar gañar a Volta", sinalou Veloso. "Sabía que o Amaro estaba forte e que a crono era curta, non permitía facer moitas diferenzas. Conseguín vencer a etapa e a equipa conseguiu primeiro e segundo na xeral", comentou e anunciou: "vou correr un ano máis, porque nesta Volta nin sequera puidemos convivir cos afeccionados".

Este primeiro e segundo postos fan que o conxunto do FC Porto se consagre como absoluto dominador da rolda lusa. Os portistas fixéronse co quinto título consecutivo desta proba. 

Comentarios