Veloso mantense líder da Volta a Portugal

A Volta a Portugal 2020 comezou marcada pola pandemia da Covid-19 con menos etapas e fortes medidas de seguridade sanitaria. A primeira camisola amarela gañouna o vilagarcián Gustavo César Veloso, o ciclista máis vello do pelotón, que aspira a facer un bo papel en Lisboa o vindeiro 5 de outubro. 
Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) iniciou de forma autoritaria a Volta a Portugal Edição Especial Jogos Santa Casa (Federação Portuguesa de Ciclismo)
photo_camera Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) iniciou de forma autoritaria a Volta a Portugal Edição Especial Jogos Santa Casa (Federação Portuguesa de Ciclismo)

Sen grandes probas ciclistas este verán pola situación de pandemia global da Covid-19 e con novas datas previstas polas mudanzas deste ano, unha vez rematado o Tour de France e antes do inicio do Giro de Italia, a Volta a Portugal colle protagonismo. Unha xornada prólogo e oito etapas decidirán o campión desta edición e na listaxe de corredores figura o galego Gustavo César Veloso.

O deportista, nas filas do W52-FC Porto desde 2013, foi o gañador do prólogo que tivo lugar este pasado domingo 27 de setembro cun exercicio individual de 9 minutos 39 segundos e unha velocidade media de 43,523 km/hora

Malia ser o corredor máis vello da Volta (ten 40 anos) o de Vilagarcía de Arousa demostrou estar en forma para loitar nunha competición que coñece ben, pois chegou a gañala en 2014 ademais de levar a vitoria de etapa en varias ocasións desde a súa primeira participación. "A idade é apenas un número, o que conta é a determinación, o traballo e acreditar en nós mesmos", aseguraba aos medios de comunicación ao remate da etapa prólogo. 

Formato máis reducido para a Volta a Portugal pola situación sanitaria

A pandemia obrigou este ano a mudar as datas da Volta a Portugal. De ter lugar en agosto e cunha duración de 12 días pasou a convocarse para iniciarse o 27 de setembro e rematar o vindeiro 5 de outubro. A carreira ten nesta edición un prólogo e oito etapas. A organización, a cargo da Federação Portuguesa de Ciclismo, conseguiu o apoio, entre outras, das cámaras municipais de Viana do Castelo, Montalegre, Viseu, Agueda, Garda, Oliveira do Hospital, Caldas da Rainha, Setúbal e Lisboa.

Había moito interese en salvar os problemas sanitarios polo forte impacto mediático e a capacidade de dinamizar a economía do país e aquelas zonas menos coñecidas así como garantir o investimento do patrocinio anual da carreira. O pelotón está formado por 98 corredores de 14 equipos.

Do prólogo á etapa máis longa da proba

As primeiras pedaladas da Volta, o prólogo previo ás etapas, son contrarreloxo en loita individual por sacar o mellor tempo. Coa vitoria de Gustavo César Veloso, ciclista ao que moitos medios de comunicación portugueses teñen en conta para unha vitoria final, xa hai unha listaxe de favoritos na que figuran tamén António Carvalho (Efapel), Joni Brandão (Efapel), João Rodrigues (W52-FC Porto), Vicente García de Mateos (Aviludo-Louletano) e Frederico Figueiredo (Atum General-Tavira-Maria Nova Hotel).

A primeira etapa, disputada esta segunda feira, foi a máis longa desta edición, con 180 quilómetros que uniron Montalegre e o alto de Santa Luzia, en Viana do Castelo. A vitoria foi para Luís Gomes (Kelly-Simoldes-UDO) e César Veloso, cun meritorio terceiro posto, mantén a camisola amarela de líder

A carreira da resiliencia

Organización e corredores admiten que esta será a edición máis difícil das que se teñen organizado na historia da Volta a Portugal. "A pandemia prexudicou todos os atletas, mais chegamos todos practicamente nas mesmas condicións", aseguraba o primeiro día César Veloso. O propio corredor vilagarcían anunciara o ano pasado que esta cita portuguesa sería a última da súa carreira deportiva mais agora, coa inestábel situación e a incerteza das propias competicións, admite que podería seguir en 2021 para fechar a súa traxectoria noutras circunstancias.

Desde a Federação Portuguesa de Ciclismo o seu presidente, Delmino Pereira, aseguraba na propia presentación desta edición que "a resiliencia e o espírito de sacrificio son valores de sempre do ciclismo e dos ciclistas", polo que "organizar a Volta e 2020 é ir beber nos valores de resiliencia e de recusa do abandono".

Aínda así, a prohibición de non seguir en directo a carreira, segundo indicaron as autoridades, non gustou a boa parte do público, que criticou nas redes sociais que non se tomasen as mesmas medidas que noutras competicións europeas.

Comentarios