O Trofeo Teresa Herrera de Judo celebra o seu 25 aniversario

A proba será este domingo no Barrio das Flores.
A Galiza está entre as favoritas. (Foto: Liceo A Coruña).
photo_camera A Galiza está entre as favoritas. (Foto: Liceo A Coruña).

O Concello da Coruña organiza, xunto coa Federación Galega de Judo (FGJ), a edición número XXV do Trofeo Teresa Herrera de Judo, unha competición que se desenvolverá este domingo, 12 de novembro, nun polideportivo do Barrio das Flores que abrirá as súas portas a quen queira asistir, o que se une á retransmisión en directo pola canle de Youtube da FGJ.

No torneo está prevista a participación dun cento de judokas representando a Galiza, así como os territorios de  Asturias, Cantabria, Castela e León, que saltarán ao tatami ás 9.30 horas da mañá para disputar as fases previas, sendo as finais arredor das 12 da tarde.

Esta proba herculina forma parte do sector oeste do Campionato de España Absoluto 2023, certame no que a galega é unha das federación favoritas para obter un maior número de prazas na fase final estatal, que se levará a cabo o 2 de decembro en Pamplona.

Por tanto, a Galiza é o territorio con maior representación, pois defenderán as súas cores 32 homes e 21 mulleres. O equipo galego, ademais, conta con 11 deportistas disputando o circuíto internacional, e que polo tanto están clasificados directamente para a fase final.

A baía herculina acolle o Trofeo Comodoro de Vela

Tamén na Coruña os mellores barcos galegos de 420 participarán esta fin de semana no Trofeo Comodoro Gadis, unha proba clasificatoria para o ránking galego.

Na baía herculina retaranse tripulacións de Náutico de Vigo, Náutico de Sanxenxo, Marina Coruña, Canido, Rodeira e do conxunto anfitrión, o Náutico coruñés. As seis mangas que conforman o evento comezarán ás 14 horas da tarde no día de mañá, e as competidoras e competidores volveran facerse á mar xa o domingo ás 10.30 horas.

Comentarios