A historia da judoka Sara Álvarez: retroceder, nunca; renderse, xamais

Na lingua inglesa utilízase moito a expresión 'When life gives you lemons, make lemonade' ('Cando a vida te da limóns, fai limoada'), que sintetiza mellor que ningunha outra a filosofía vital dunha das mellores judokas que deu Galiza, Sara Álvarez (Lugo, 1990), quen leva desde 2009 coa determinación de "mirar sempre cara adiante" ante a sucesión de infortunios en forma de lesións que vén padecendo.
 
A judoka foi vítima da malura a poucas datas dos Xogos Olímpicos de Toquio.  (Foto: Nós Diario).
photo_camera A judoka foi vítima da malura a poucas datas dos Xogos Olímpicos de Toquio. (Foto: Nós Diario).

A frase empregada para titular esta reportaxe non corresponde a ningún gran autor da literatura universal, nin a un filósofo de prestixio, senón ao título dunha vella película de Jean Claude Van Damme na que o karateka reconvertido a actor interpreta a un engominado e -como non podía ser doutro modo nunha película ianqui dos anos 80- maligno loitador soviético que se dedica a atormentar a familia dun rapaz americano que atopa forzas logo de recibir a visita da pantasma do defunto Bruce Lee.

E así e todo ese "retroceder, nunca; renderse, xamais" acuñado sen ningún tipo de pretensións máis que as de entreter durante 90 minutos cun argumento que sería o pesadelo do crítico de cinema de Sermos Galiza, Andrés Castro, exemplifica mellor que ningunha outra frase o espírito de superación doutra artista marcial, neste caso galega, que recibe o nome de Sara Álvarez.

Esta judoka lucense vén de retomar nas últimas datas a preparación física logo da grave lesión de xeonllo que padeceu o pasado mes de xuño cando participaba no Campionato Mundial de Judo de Budapest, onde agardaba fechar a súa clasificación para participar nos inminentes Xogos Olímpicos de Toquio.

Na proba húngara, á que chegaba nun gran momento de forma, protagonizou unha exhibición ante a británica Sarah Adlington -quen si estivo presente na cita nipoa- na primeira rolda do torneo, mais no segundo combate foi vítima do infortunio e esnaquizou os ligamentos cando se enfrontaba coa bielorrusa Maryna Slutskaya, nunha acción da que Álvarez se culpa a si mesma.

"Ela fixo unha técnica e quedoume a perna cravada, máis por erro meu que por neglixencia dela, que fixo todo perfecto. O que pasa é que xusto metín o pé debaixo dela e pasou o que pasou", explica a Nós Diario a judoka internacional.

Chove sobre mollado

Este é o enésimo contratempo sufrido por unha muller que viu como a súa vida cambiaba para sempre en 2009, tamén nun Mundial, aínda que de categoría Júnior. Naquel campionato, desenvolvido en París, o seu xeonllo dereito quedou reducido a unha masa cartilaxinosa logo de que a daquela ucraína Irina Kindzerska -hoxe representante de Acerbaixán, pavillón baixo o que gañou o bronce na súa categoría en Toquio 2020- o usase como banco para asentar os seus 160 quilos de peso

A diferenza do acontecido este ano con Slutskaya, á que exonera totalmente de responsabilidade, Sara Álvarez non dubida en sinalar Kindzerska: "Executou mal unha técnica e sentou sobre a miña perna, tivo un erro,  e neste deporte iso pode cambiarche a vida".

E abofé que lla cambiou á deportista galega. Esta vez as consecuencias foron máis alá dunha lenta e dolorosa recuperación, de perder campionatos, axudas económicas... Nesta ocasión, as seis horas de cirurxía non puideron facer nada polo seu maltreito nervio ciático, o que tivo como consecuencia "unha discapacidade que se traduce en que non teño mobilidade ningunha no pé dereito, nin tampouco o sinto, cáeseme, polo que teño que levar un aparato que se chama antiequino para poder andar con normalidade", sinala Sara.

Moitas outras persoas tirarían a toalla e deixarían o deporte, pero non esta galega de vontade de ferro para a que, como sinala a tatuaxe que loce no pulso, impossible is nothing, "nada é imposíbel". 15 meses despois volvía competir e pouco máis tarde mesmo se proclamaba campioa europea Sub-23. Como? "Cunha vendaxe de 90 graos no pé por precaución, levantando un pouco máis o xeonllo e cargando o peso na outra perna, máis nada".

Cuestionada por se nalgún momento pensou en dicir adeus, competir a menor nivel ou nas categorías paralímpicas, Sara Álvarez nega que se lle pasase pola cabeza esa posibilidade, e máis cando a pesar de todo é quen de "mirar de ti a ti ás mellores do mundo". 

Hoxe, afirma que o único que ten na cabeza é "quedar ben", pero aínda que publicamente di que só se marca "pequenos obxectivos", sería un final xa non de película de Van Damme, senón de Rocky, que lograse a clasificación para os seus primeiros Xogos Olímpicos en París 2024, fechando así un círculo de infortunios que se iniciou na mesma cidade 15 anos antes, cando a mala sorte e a incompetencia dunha ucraína cambiaron para sempre a vida dunha muller chamada a marcar unha época no judo galego

Comentarios