A tempada de Segunda B decídese en 90 minutos

Nunha fin de semana na que non hai Liga de Primeira División e na que o Lugo recibe o Sabadell no Ángel Carro, o protagonismo recae sobre a Segunda División B, onde os equipos galegos loitarán por conseguir os seus obxectivos nunha derradeira xornada que se disputará en horario unificado a partir das 12 horas de mañá.
Os Celta B-Coruxo son partidos con moita historia que, co tempo, tornaron en auténticos clásicos da categoría de bronce. (Foto: RC Celta).
photo_camera Os Celta B-Coruxo son partidos con moita historia que, co tempo, tornaron en auténticos clásicos da categoría de bronce. (Foto: RC Celta).

Como se dunha pachanga de patio de colexio cando está a piques de soar a bucina que marca o regreso ás clases e o fin do tempo de recreo se tratase, os resultados das 17 primeiras datas na Segunda B depararon que todo o acontecido até o de agora na Liga -case- non valera de nada, e a meirande parte dos equipos que conforman o Grupo 1-A determinarán a súa posición na segunda fase do torneo nunha derradeira xornada que adquire a consideración de auténtica final colectiva. 

Quizais o equipo máis afeito a xogar 'finais' de todos sexa un Real Club Deportivo que, ademais, adoitaba gañalas, como testemuña a súa sala de trofeos. Porén, dun tempo a esta parte, e coa única excepción do empate no Nou Camp co que salvou a categoría en 2015, pérdeas absolutamente todas: Valencia, 2011; Real Sociedade, 2013; Mallorca, 2019; Estremadura, 2020... Ademais, a escuadra branquiazul afronta este desafío coa perenne sombra do Caso Fuenlabrada axexando ao lonxe, logo da abrupta marcha de Irene Lozano do Consello Superior de Deportes para engrosar as listas socialistas á Comunidade de Madrid, comunicado de felicitación polo seu labor por parte da Liga de Javier Tebas incluído.

Mais, como di o refrán, "entre pais, fillos e irmáns non metas as mans", e o conxunto coruñés debe centrarse en facer o seu traballo e derrotar o Zamora en Riazor se quere ter algunha opción de meterse na fase de ascenso á Segunda División, algo para o que non depende de si mesmo.

Os partidos que condicionan o 77,8% de opcións que teñen para conseguilo se logran a vitoria son Unionistas-Rácing de Ferrol e o derbi entre Coruxo e Celta B. Os Diaños Verdes precisan os tres puntos e que pinche un Dépor que, curiosidades do sistema de goal average, estará animándoos, pois un triunfo do Rácing ante Unionistas bastaríalles para conseguir a praza de ascenso.

Outra cousa que comparten coruñeses e ferroláns é o común desexo de que o Coruxo supere os seus veciños do Celta B. O filial celeste é o único equipo galego que depende de si mesmo para ascender, pero se non consegue a vitoria ante un rival que só aspira a chegar coa maior cantidade de puntos posíbeis á rolda para evitar o descenso a Terceira provocaría que as súas posibilidades de éxito caesen drasticamente.

Na mesma situación que o Coruxo está o Pontevedra Club de Fútbol. A gran decepción da tempada -con permiso do Deportivo-, pasou de ser claro candidato ao ascenso en outubro a disputar a derradeira xornada ante o Guixuelo sabendo que, faga o que faga, na segunda fase terá que suar sangue para evitar o drama do descenso a Terceira División, o que equivalería a xogar na quinta categoría do fútbol estatal.

Dun modo ben diferente ven a cousa na capital galega, pois a recentemente ascendida SD Compostela afronta o choque ante o Salamanca coa tranquilidade que dá saber que a vindeira tempada non volverá ao pozo da Terceira e que, aínda que remotamente, ten opcións de entrar na fase de ascenso á Segunda se consegue gañar, fan o propio Coruxo e Unionistas e o Dépor perde ou empata.

Vital compromiso do Lugo ante o Sabadell

Parece mentira, pois non hai tanto tempo o Club Deportivo Lugo estaba axexando os postos de play-off, pero de caer derrotado ante o Sabadell o conxunto albivermello veríase inmerso de pleno na loita por non baixar de categoría, xusto o que quería evitar Tino Saqués co despedimento de Mehdi Nafti a finais de febreiro. O seu substito, Luís César Sampedro, aínda non coñece o triunfo despois de tres partidos á fronte do club, e non atopará mellor ocasión que a visita do actual fechacancelas da categoría.

Comentarios