Suor e bágoas pola salvación granate

O Pontevedra elude agónicamente caer á Terceira na mesma xornada en que o Deportivo Abanca queda moi tocado na loita pola salvación
Houbo que agardar até o minuto 62 para o primeiro gol dos do Lérez ante o Oviedo B. Logo chegarían dous máis até o 3-0 definitivo. (Foto: Fútbol asturiano).
photo_camera Houbo que agardar até o minuto 62 para o primeiro gol dos do Lérez ante o Oviedo B. (Foto: Fútbol asturiano)

Un dos grandes favoritos para o ascenso a Segunda División chegou á derradeira xornada de campionato sabendo que unha derrota significaría o descenso a Terceira, que equivale á quinta categoría do fútbol español. Afortunadamente, o Pontevedra foi quen de superar cunha goleada (3-0) o seu compromiso ante o Real Oviedo B, asegurándose así unha praza na Segunda RFEF.

O adestrador granate, Luisito, avisou na previa: "Son 90 minutos nos que hai que morrer". E abofé que foi así, porque unha vez finalizado o tempo regulamentario coa vitoria dos seus xogadores, o técnico teense prorrompeu en bágoas, atopando acougo nos brazos da súa familia, que se atopaba presenciando o transcendental partido xunto con outras 3.000 almas nun estadio de Pasarón que foi un constante clamor de ánimo e apoio aos seus xogadores. Polo menos, até que o colexiado López Jiménez determinou o final do encontro, momento no que moitas das alí presentes manifestaron a súa molestia co devir da tempada do Pontevedra.

Na rolda de prensa posterior ao partido, un aliviado Luisito revelou que tiña ben claro que "se chegamos a descender, non adestro máis", engadindo que o formato de competición nesta tempada, ao que definiu como "unha estafa", prexudicounos "moito". 

Pola súa banda, a presidenta do club e deputada do Partido Popular no Parlamento Galego, Lupe Murillo pedía "desculpas" a afección, e afirmaba que xa está a traballar en "buscar melloras" de cara á vindeira tempada na Segunda RFEF.

Alí coincidirán cun Coruxo que afrontou a derradeira xornada coa tranquilidade de saberse matematicamente salvado, o que non foi óbice para que conseguise un traballado triunfo ante o Covadonga (3-2). Os vigueses remontaron un resultado adverso de 0 a 2 que lucía no marcador xa no minuto 11 de partido, confirmando así a súa posición de campións do grupo 1-E da última Segunda B da historia.

Luis Enrique deixa Iago Aspas fóra da Eurocopa

O Celta, xa salvado e sen opcións de alcanzar os postos europeos, despediu a tempada nun intranscendente encontro ante o Betis (2-3) no que o único aliciente foi o regreso do público a Balaídos 14 meses despois. 

Noela, unha das 1.738 seareiras que tiveron a posibilidade de asistir ao partido, manifestou a Nós Diario a súa "emoción" por volver a Balaídos e, se ben para ela "todo era un pouco raro, por estar dispersas e non poder celebrar os goles con ninguén", tamén salientou que "todo estivo moi ben organizado, sen aglomeracións nin nas entradas nin nas saídas".

A nota emotiva do encontro púxoa Iago Aspas, autor do primeiro tanto celeste, quen revelou na celebración do mesmo que agarda polo seu terceiro fillo. Lamentabelmente, non poderá dedicarlle máis goles durante a Eurocopa, pois o adestrador do Celta durante a tempada 2013/14 e hoxe seleccionador español, Luis Enrique, non o incluíu na listaxe de 24 convocados para disputar o prestixioso torneo continenal, optando no seu lugar por homes que ofreceron un rendemento foi inferior ao do astro galego ao longo de toda a tempada, caso do madrileño da Juventus Álvaro Morata.

A derrota do Deportivo Abanca déixao a piques de descender

Mala xornada para o único representante galego na máxima categoría do fútbol feminino estatal. O Deportivo Abanca apañou unha dolorosa derrota en Huelva ante o Sporting (3-0), un rival directo na loita pola salvación, e queda practicamente sentenciado. A boa noticia foi que ningún dos outros equipos que pelexan por evitar caer no pozo da Segunda conseguiron a vitoria, polo que a chama da esperanza segue viva no cadro branquiazul e pasa por conseguir algo que sería case milagroso: gañar os tres partidos que lle quedan por disputar.

Os que lograron o seu obxectivo foron os rapaces de División de Honra Xuvenil, que se proclamaron campións do seu grupo por vez primeira en 11 anos e agora competirán polo título na Copa de Campións, onde se enfrontarán cos outros sete mellores equipos da categoría en todo Estado.

Outra boa nova para a parroquia branquiazul -ou, polo menos, para unha boa parte da mesma, segundo o sentir expresado nas redes sociais- foi a marcha do até o de agora director deportivo da escuadra herculina, Richard Barral, sinalado desde o mesmo momento en que o Dépor foi incapaz de loitar polo ascenso.

Comentarios