O 'hai que roelo' como cravo ardendo do Pontevedra

Finaliza a tempada tanto na Primeira División como na Segunda División B, mais se ben o Celta afronta o derradeiro encontro do campionato coa tranquilidade de non deixar os deberes para o último minuto, o Pontevedra buscará en Pasarón evitar o desastre do descenso á Terceira División ante o Oviedo B. Ao Lugo, pola súa banda, só lle queda gañar no penúltimo partido de Liga na Segunda División.
Na penúltima xornada, o Pontevedra -que vestiu de celeste- non puido pasar do empate na casa do Lealtad, antepenúltimo clasificado. (Foto: CD Lealtad).
photo_camera Na penúltima xornada, o Pontevedra -que vestiu de celeste- non puido pasar do empate na casa do Lealtad. (Foto: CD Lealtad).

A comezos desta atípica tempada o Pontevedra era, xunto co Deportivo, o principal favorito do Grupo 1 da Segunda B para rematar a fase regular en postos de ascenso, pero nada máis lonxe da realidade. Os coruñeses acabarían sufrindo por entrar na nova Primeira RFEF e os do Lérez nin sequera conseguiron conservar a súa praza na terceira categoría, abocados a unha segunda e decisiva liguiña na que o premio será xogar na Segunda RFEF -a cuarta- e o castigo sumar dous descensos nunha mesma tempada, caendo aos infernos da Terceira Galega.

Así as cousas, a pesar da súa condición de teórico favorito tamén nesta segunda rolda do campionato, o conxunto granate tan só foi quen de conseguir dous triunfos en sete partidos -un nos últimos seis-, o que o abocou a afrontar o derradeiro compromiso da campaña nunha situación límite. 

Instalado na terceira praza, que marca o límite do descenso a Terceira, o seu rival será o Real Oviedo Vetusta, filial da escuadra asturiana, nun partido que se desenvolverá este domingo ás 12 horas nun Pasarón no que 3.000 seareiros e seareiras estarán animando o equipo dos seus amores, a pesar da situación de enfado xeneralizado e das numerosas críticas a directiva e xogadores a través das redes sociais.

Porque, en última instancia, a realidade do Pontevedra, a pesar de todos os problemas que veu padecendo ao longo de toda a tempada, é que aínda depende de si mesmo, e mesmo cun empate sería abondo para salvar a categoría. Polo contrario, unha derrota ante os asturianos conduciríaos a regresar á Terceira, convertida agora en quinta categoría, seis anos despois de deixala por última vez. 

Broche de ouro a unha tempada inesquecíbel

Exactamente no mesmo intre en que o árbitro sopre no chifre para dar comezo ao partido do Pontevedra en Pasarón, a 30 quilómetros de alí, no Municipal de Balaídos, Gil Manzano debería facer o propio para iniciar o Celta-Betis que porá feche á tempada para os celestes.

Pese a non contar xa con opcións de clasificarse para Europa, os do Chacho Coudet teñen o incentivo de superar o récord de vitorias consecutivas do club na Primeira División, e, o que é aínda máis importante, ofrecer un digno adeus ante o seu público no regreso da parroquia celeste ás bancadas de Balaídos 14 meses despois.

Lamentabelmente, Sergio Álvarez, 'o Gato de Catoira', non poderá pór fin á súa etapa de 17 anos no Celta coas luvas postas, pois a lesión de xeonllo que o obrigou a retirarse impedirá que defenda a portaría do Celta unha última vez.

Quen si estará sobre o céspede de Balaídos será outro canteirán, Borja Iglesias, aínda que vestindo as cores verdibrancas do Betis. Dianteiro de moda polo seu gran rendemento durante as últimas xornadas, será a primeira vez que xogue ante a que foi a súa afección, nun momento que agarda que sexa "moi bonito".

O Lugo, obrigado a gañar

O tempo esgótase para o Club Deportivo Lugo. Logo de non ser quen de pasar do empate ante o fechacancelas Albacete, os albivermellos disputan o penúltimo partido da Liga sabendo que todo o que non sexa sumar os tres puntos é sinónimo de baixar á Primeira RFEF.

A situación do Lugo é moi complicada, pois está a tres puntos do Logroñés -co que, afortunadamente, ten gañado o golaverage- e ten os mesmos que Castellón -tamén co golaverage a favor- e só un máis que o Sabadell, con quen ten perdida a golaverage particular.

Xa que logo, resulta precipitado pensar en combinacións máis ou menos plausíbeis, pois o único importante é que o Lugo obteña un novo triunfo ante o Cartaxena esta segunda feira ás 21 horas.

Comentarios