Soutomaior estrea a 7K da Ostra cunha ampla participación e ambiente deportivo

A primeira edición reuniu 300 corredores e máis de 500 crianzas nunha xornada marcada polo deporte, a inclusión e a solidariedade.

Liña de saída da primeira carreira 7K de Soutomaior. (Foto: Concello de Soutomaior)
Liña de saída da primeira carreira 7K de Soutomaior. (Foto: Concello de Soutomaior)

O concello de Soutomaior (comarca de Vigo) viviu este domingo unha intensa xornada deportiva coa celebración da primeira edición da 7K e da carreira infantil da Ostra, que congregaron centos de participantes e público nun ambiente festivo.

A proba principal contou con arredor de 300 persoas inscritas, distribuídas en diferentes categorías por idades. Na clasificación absoluta masculina, os vencedores foron Amaedo Abal, Hugo García e Mario Rodríguez, mentres que na categoría feminina destacaron Sabela Castelo, Noemí Álvarez e Olalla Saborido.

Amaedo Abal impúxose cun tempo de 19.06, seguido de Hugo García (19.30) e Mario Suárez (19.41). No apartado feminino, Sabela Castelo cruzou a meta en 23.25, por diante de Noemí Álvarez (24.35) e Olalla Saborido (26.05).

Na categoría de corredores locais, os primeiros postos foron para Pablo Ulla, Daniel Álvarez e Eduardo Conde, así como para Lucía Cayetano, María Ulla e Charo Fervenza.

Todas as persoas participantes recibiron unha camiseta técnica e unha mochila conmemorativa, e a entrega de premios decorreu ao remate da xornada coa presenza do alcalde Manuel Lourenzo, da conselleira do Mar Marta Vilaverde e do concelleiro Pablo Garrido.

A cita contou tamén cunha vertente solidaria, coa participación das asociacións Bicos de Papel e Libélulas BCS Pontevedra, que percorreron os últimos metros da proba para dar visibilidade ao seu labor.

A carreira infantil da Ostra colleu o relevo da 7K con máis de 500 crianzas inscritas nun formato non competitivo centrado na participación. Todas elas recibiron agasallos como recoñecemento ao seu esforzo, incluíndo mochila, medalla e merenda saudábel.

A xornada volveu apostar pola inclusión, cunha carreira adaptada para persoas con diversidade funcional dentro do programa "Soutomaior Inclusivo", que inclúe percorridos adaptados ás necesidades de cada participante.

Organizada polo Concello de Soutomaior, a proba contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Consellería do Mar, Abanca e CaixaBank, ademais de financiamento europeo. O balance desta primeira edición é positivo, consolidando a 7K da Ostra como unha nova cita deportiva que combina participación, inclusión e compromiso social.

Comentarios