Sorte dispar para os equipos galegos na Copa de fútbol sala
Os representantes da Galiza nos oitavos de final da Copa da Raíña xa coñecen os seus rivais, logo do sorteo levado a cabo na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
O Marín Futsal foi o máis beneficiado pola deusa Fortuna, pois será a única das escuadras do pais en enfrontarse cun conxunto da categoría de prata, Nueces de Ronda Atlético Torcal, que a día de hoxe ocupa a terceira posición no grupo terceiro da Segunda División. A contrapartida está en que, pola súa condición de Primeira, Marín será o visitante nunha eliminatoria a un só partido programada o 6 de decembro.
Esa tamén é a data na que saltarán á pista o resto de contendentes da Galiza, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, Viaxes Amarelle e Ourense Envialia.
As da Mariña, vixentes campioas, terán a oportunidade de deixar fóra da competición o verdugo do Cidade das Burgas na segunda eliminatoria, o Alcantarilla de Murcia.
Máis lonxe aínda terán que desprazarse as coruñesas do Viaxes Amarelle, pois collerán o avión até as canarias para tratar de apear Gran Canaria FSF Teldeportivo. As herculinas son as favoritas, xa que a entidade canaria só foi quen de sumar un triunfo nos seus seis primeiros partidos de Liga.
Ben diferentes serán as tornas no Ourense Envialia-Móstoles, pois as xogadoras galegas están moi por detrás das madrileñas na clasificación. Porén, mañá terán a oportunidade de recortar distancias e de ir coñecendo mellor ás súas adversarias copeiras, pois chocarán ás 17 horas da tarde na sétima xornada da competición da regularidade.
Por último, o Poio Pescamar foi o principal prexudicado do sorteo, pois xogará, e fóra da casa, ante Atlético Navalcarnero, vixente campión de Liga e principal favorito -xunto co Pescados Rubén Burela- a levantar a copa.
O fútbol feminino terá a súa propia Nations League
Cambiando o fútbol en sala polo que se disputa ao aire libre, a UEFA, organismo reitor do deporte a nivel europeo, vén de anunciar a creación da Nations League -ou Liga de Nacións-, unha competición xa existente no fútbol masculino desde o ano 2018 e que xogarán por vez primeira as mulleres a modo de fase previa da Eurocopa 2025.