Burela, Amarelle, Marín e Poio avanzan na Copa de fútbol sala

As Burgas e Valdetires Ferrol, eliminados
O cadro da Mariña deu un paso máis para revalidar o seu título. (Foto: Fútbol Catalá).
photo_camera O cadro da Mariña deu un paso máis para revalidar o seu título. (Foto: Fútbol Catalá).

A segunda rolda da Copa da Raíña de fútbol sala deparou resultados dispares para os seis equipos da Galiza que saltaron á pista co obxectivo de unirse a Ourense Envialia -xa clasificado- no bombo do sorteo dos oitavos de final.

Deste modo, quen puideron cantar vitoria foron Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, Marín Futsal e Viaxes Amarelle. O club burelense luciuse cun 0-7 no Poliesportiu Can Vidalet ante un AE Penya Esplugues moi motivado a pesar das evidentes diferenzas de nivel. 

As xogadoras laranxas volveron demostrar a seriedade e competitividade que as caracteriza, controlando o partido sen mostrar relaxación algunha durante uns 40 minutos de xogo nos que foron sumando goles de forma paulatina e constante até consumar unha goleada final que no descanso era xa de 0 a 5. 

Na segunda parte do encontro o equipo catalán saíu con forza, logrando frear o Burela durante os primeiros 12 minutos, pero no minuto 32 Cilene anotou o seu segundo gol do partido, poñendo Dasha a guinda do pastel case ao final.

Idéntico resultado obtivo Poio Pescamar contra o Camoens Ceutí no Pavillón Guillermo Molina da cidade africana. A diferenza existente entre unha escuadra que milita na Segunda División e o terceiro clasificado da máxima categoría foi demasiado evidente, e no minuto 11 a galega xa vencía por o-4, que se elevaría co transcorrer dos minutos até o 0-7, tantos obra de Rocio Gómez (9'), 0-2 Susi pp (10'), 0-3 Luci (11'), 0-4 Martita (12'), 0-5 Souza (19'), 0-6 Agostina (30') e 0-7 Marta (32').

Máis sufrido foi o pase de Marín Futsal. As do Lérez venderon a pel do oso antes de cazalo cando o electrónico marcaba un 1-4 ao seu favor, pero as locais apertaron os puños e lograron recortar distancias até o 3-4, momento no que Ale de Paz, aproveitando a estratexia ultraofensiva das súas rivais, marcou a portería baleira o tanto da tranquilidade.

Tamén tivo que pór o mono de traballo o Viaxes Amarelle co Chiloeches (3-6) nun choque onde o triunfo herculino non se confirmou até a prórroga.

Por desgraza, Cidade das Burgas e Valdetires Ferrol non participarán da festa do fútbol sala galego nos oitavos de final copeiros. As de Ourense caeron nos penaltis co Alcantarilla e o Valdetires Ferrol perdeu contra Alcorcón por 1 a 4.

Comentarios