Sorte dispar para os equipos galegos na Copa de fútbol sala

Poio-Navalcarnero, a eliminatoria máis difícil; Marín foi o máis beneficiado, pois xogará co Ronda de Segunda.
A intensidade foi a característica principal do encontro. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera A intensidade foi a característica principal do encontro. (Foto: Viaxes Amarelle).

Os representantes da Galiza nos oitavos de final da Copa da Raíña xa coñecen os seus rivais, logo do sorteo levado a cabo na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

O Marín Futsal foi o máis beneficiado pola deusa Fortuna, pois será a única das escuadras do pais en enfrontarse cun conxunto da categoría de prata, Nueces de Ronda Atlético Torcal, que a día de hoxe ocupa a terceira posición no grupo terceiro da Segunda División. A contrapartida está en que, pola súa condición de Primeira, Marín será o visitante nunha eliminatoria a un só partido programada o 6 de decembro.

Esa tamén é a data na que saltarán á pista o resto de contendentes da Galiza, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, Viaxes Amarelle e Ourense Envialia.

As da Mariña, vixentes campioas, terán a oportunidade de deixar fóra da competición o verdugo do Cidade das Burgas na segunda eliminatoria, o Alcantarilla de Murcia. 

Máis lonxe aínda terán que desprazarse as coruñesas do Viaxes Amarelle, pois collerán o avión até as canarias para tratar de apear Gran Canaria FSF Teldeportivo. As herculinas son as favoritas, xa que a entidade  canaria só foi quen de sumar un triunfo nos seus seis primeiros partidos de Liga.

Ben diferentes serán as tornas no Ourense Envialia-Móstoles, pois as xogadoras galegas están moi por detrás das madrileñas na clasificación. Porén, mañá terán a oportunidade de recortar distancias e de ir coñecendo mellor ás súas adversarias copeiras, pois chocarán ás 17 horas da tarde na sétima xornada da competición da regularidade.

Por último, o Poio Pescamar foi o principal prexudicado do sorteo, pois xogará, e fóra da casa, ante Atlético Navalcarnero, vixente campión de Liga e principal favorito -xunto co Pescados Rubén Burela- a levantar a copa.

O fútbol feminino terá a súa propia Nations League

Cambiando o fútbol en sala polo que se disputa ao aire libre, a UEFA, organismo reitor do deporte a nivel europeo, vén de anunciar a creación da Nations League -ou Liga de Nacións-, unha competición xa existente no fútbol masculino desde o ano 2018 e que xogarán por vez primeira as mulleres a modo de fase previa da Eurocopa 2025. 

Comentarios