domingo 18/04/21

Sorrisos e lágrimas en Vigo e A Coruña

Como no título do clásico filme de Julie Andrews, a derradeira xornada da primeira fase da Segunda B deixou alegría total en Vigo, pois o Celta B pelexará por subir á categoría de prata, e desolación en Ferrol e na Coruña, que non conseguiron acompañar os celestes e só lles queda loitar por evitar o descenso á nova Segunda RFEF.
Alegría desatada entre os xogadores celestes após certificar a súa clasificación ante o Coruxo.
Alegría desatada entre os xogadores celestes após certificar a súa clasificación ante o Coruxo. (Foto: RC Celta).

A derradeira xornada da primeira fase do grupo galego chegaba coa enorme expectación das até 81 combinacións posíbeis froito da enorme igualdade imperante na categoría de bronce, mais, como adoita acontecer, a lóxica e a matemática acabaron por imporse e o Celta B fixo boa a súa condición de favorito para obter a clasificación para a fase de ascenso.

A celeste era a única escuadra do país que dependía de si mesma, precisando tan só dunha vitoria ante os seus veciños do Coruxo, que a pesar da diferenza na táboa clasificatoria non llo puxo nada fácil.

De feito, os de Míchel Alonso adiantáronse cun gol de Moha, pero Markel e Íker Losada déronlle a volta ao partido (2-1), asegurando así a súa presenza a tempada que vén na Primeira RFEF, no caso de que non consiga o ascenso a Segunda División que se disputará con Burgos, Cultural Leonesa e  Valladolid Promesas, ademais de con Unionistas e Zamora, segundo e terceiro clasificado no grupo 1-A despois do filial vigués.

Precisamente os zamoranos, que chegaban como líderes a esta última xornada, caeron en Riazor cun Deportivo (2-0) que fixo o seu traballo, pero que dependía dun tropezo do Celta B ou do Unionistas ante o Rácing de Ferrol que nunca se produciu.

O técnico deportivista, Rubén de la Barrera, recoñeceu despois do partido a súa "decepción", pero tamén definiu a segunda fase, na que os branquiazuis competirán con Numancia, Langreo, Marino de Luanco, Rácing e Compostela por non descender á cuarta categoría do fútbol a nivel estatal, a Segunda RFEF.

Os Diaños Verdes apenas tiveron opcións ante os charros de Unionistas (1-1), mesmo resultado que obtivo o Compos ante o Salamanca, nun encontro no que estiveron lastrados por un tempraneiro gol de Camacho encaixado no minuto 7. 

Finalmente, o Coruxo estará acompañado na rolda por evitar caer no pozo da Terceira División -que será a quinta categoría- polo Pontevedra, que despediu a primeira fase cunha derrota ante o Guixuelo, fechacancelas da Liga.

Outro 'cero' para Luís César

Como o Pontevedra, o Lugo tamén caeu ante o último clasificado, o Sabadell. Os albivermellos, que continúan sen coñecer a vitoria no cuarto partido de Luís César á fronte do equipo, quedan con tan só cinco puntos de marxe sobre o descenso.

comentarios