Sofía Carballo queda subcampioa de España Júnior en 100 braza

A nadadora do CN Ponteareas Sofía Carballo proclámase subcampioa de España Júnior en 100 braza (Foto: Nós Diario).
Novo éxito do Club Natación Ponteareas, desta vez no no XXII Campionato de España Open Absoluto - XXXVIII Campionato de España Júnior, onde a nadadora Sofía Carballo obtivo un segundo posto en 100 braza.

Nova rolda de éxitos para o Club Natación Ponteareas, que participou esta fin de semana no XXII Campionato de España Open Absoluto - XXXVIII Campionato de España Júnior celebrado na localidade malagueña de Torremolinos.

A participación do equipo da capital do Condado, formada por catro deportistas, demostrou un alto nivel de forma que promete unha interesante segunda parte de tempada.

Sofía Carballo no seu mellor momento

No encontro, que congregou ás principais nadadoras e nadadores estatais, destacou o papel de Sofía Carballo, que se proclamou subcampioa de España Júnior en 100 braza, parando o crono na mellor marca galega da súa idade. Un logro que xa repetira a xornada anterior, onde marcaba a mellor marca galega nos 50 braza.

Por estes resultados Carballo pasa a obter o recoñecemento oficial e formará parte do Grupo de Deportistas Galegas e Galegos de Alto Nivel (DGAN).

No aspecto individual, o resto de deportistas acadaron varias finais júnior que se saldaron con varias das mellores marcas persoais en diversas probas. Ademais, o equipo de remudas femininas, que participou no 4x100 estilos, remataron en cuarta posición con récord do club incluído. 

Parabéns desde o Concello de Ponteareas

Desde o Concello de Ponteareas parabenizaron ao club e á nadadora Sofía Carballo polos resultados conseguidos neste campionato estatal. O propio concelleiro de Deportes, o nacionalista Miguel Bouzó, afirmou que "os nosos mozos e mozas téñennos moi acostumados a acadar grandes éxitos e temos que recoñecerlles e apreciar todo o trabalo que hai detrás, toda a ilusión e todo o esforzo".