Pontevedra será o epicentro do socorrismo e o salvemento esta fin de semana

O campionato fecha a tempada e contará con 114 participantes.
Gulías e Domínguez, no centro, na presentación, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
Gulías e Domínguez, no centro, na presentación, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

A proba anual estatal máis importante para o deporte do salvamento e o socorrismo terá este ano o seu epicentro en Pontevedra. O Campionato de España, que fecha a tempada, decorrerá do 26 ao 28 de setembro, coas probas de piscina na Fundación Rías do Sur en Pontevedra e as de praia en Silgar, no municipio de Sanxenxo (O Salnés). 

No acto de presentación, esta cuarta feira na cidade do Lérez, participou a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez. A concelleira tivo palabras de recoñecemento para o club local deste deporte o SAPO "por ter pulado para que teñamos competicións nesta cidade". Lembrou que o ano pasado, durante o campionato galego, xa se anunciaba que "virían máis cousas, e aquí estamos cun campionato de España".

O evento reunirá a aproximadamente 114 socorristas en categoría absoluta e 90 en categoría cadete, procedentes de 10 comunidades autónomas. Galiza será a selección con maior representación, achegando o máximo de deportistas posible. As probas de piscina decorrerán o día 26 e na mañá do 27 de setembro en Pontevedra, mentres que as de praia serán a tarde do 27 e todo o día 28 de  setembro en Sanxenxo. 

Mini BTT de Salcedo

Tamén o eido deportivo, a concelleira pontevedresa de Deportes presentou esta cuarta feira a novena edición da Mini BTT Comunidade de Montes de Salcedo, que se realizará o domingo a partir das 10 horas.

O director deportivo do Club Ciclista Farto, entidade colaboradora no evento, significou que o evento congregará a "elite dos rapaces e rapazas en ciclismo de montaña" de toda Galiza, cunha participación estimada de 300 deportistas. Cómpre salientar a relevante participación feminina, que podería acadar un total de 100 rapazas.

Comentarios