A selección galega debuta nas Pontes no Campionato estatal de Ciclocrós
O Campionato do Estado español de Ciclocrós volve á Galiza cinco anos despois. Esta sexta feira comeza na localidade eumesa das Pontes a cita estatal dunha especialidade que en novembro contou co seu Campionato de Europa en Pontevedra. O programa de tres días de competición comeza coa carreira de remudas por combinados autonómicos, unha proba na que o conxunto anfitrión é un dos favoritos ao ouro.
Gañadora en dúas das últimas cinco edicións -2019 e 2022-, e subcampioa noutra -2023- a Irmandiña ten como reto o ouro neste circuíto. O sexteto dirixido por José Alberto del Río estará composto por Lucas Lozano (Cadete), Raúl Puelles (Júnior), Lorena Patiño (Júnior), Miguel Rodríguez (Sub-23), Samuel González (Elite) e Andrés Calvete (Máster-40). A saída será ás 16 horas e seis voltas decidirán quen se apunta o primeiro título. A coroa deféndea o País Valencià. A continuación desta carreira terá lugar a Inclusiva, fixada para as 17.30 horas.
A diferenza do que aconteceu nas dúas anteriores edicións do Ciclocrós Lago das Pontes nesta ocasión haberá barro e chuvia. Polo tanto, resultará aínda máis exixente o circuíto que preparou o Club Ciclista As Pontes Vilalba como organizador. O trazado, perto do lago, ten 2.600 metros e ofrece treitos rápidos, taboleiros, escaleiras e unha zona de area de 150 metros.
As competicións individuais concéntranse na fin de semana. O sábado pola mañá disputaranse as carreiras Cadete feminina, Júnior feminina e Cadete masculina (12 horas). A sesión de tarde será para os grupos de idade Máster. O domingo será a quenda da Júnior masculina, seguida pola Sub-23 masculina, Elite e Sub-23 feminina.
