O taekwondo da Galiza despunta de modo 'online' no Mundial de Técnica

Sonia Pérez alcanza as semifinais dun torneo que leva selo galego.
manuel paz
Manuel Paz representa Galiza na modalidade de 'Freestyle' masculino. (Foto: FGT).

Adaptación, resiliencia... para moita xente son palabras tornadas en consignas de libro de autoaxuda completamente carentes de significado, e máis nos tempos actuais onde se repiten como un mantra. Non obstante, en moitos casos non queda outra e hai que adaptarse, como fixo o taekwondo galego para poder continuar coa práctica deportiva.

Estes días estase a disputar o Mundial de Técnica e Freestyle, que se desenvolve de modo online e que conta cunha importante representación galega conformada por 15 deportistas, entre as que destaca Sonia Pérez, que tal e como informou a Federación Galega de Taekwondo (FGT), vén de alcanzar a rolda de semifinais na categoría Máster 1 feminino.

Porén, esa non é a única contribución galega a este torneo, pois a Galiza foi o primeiro lugar onde se comezou a empregar o formato de competicións online posteriormente adoptado a nivel internacional para a organización deste Mundial, aínda que Noelia García, directora técnica da FGT, non quere arrogarse os méritos e limítase a sinalar que  "non" sabían "doutros casos até que a un par de clubs de aquí da Galiza se nos ocorreu durante o confinamento".

"Orixinalmente a idea era facer algo para motivar a rapazada durante o confinamento, e argallamos un campionato interno online. Como funcionou tan ben, a Federación Galega de Taekwondo desenvolveu logo un torneo oficial, cousa que despois tamén fixeron a española e tantas outras. Acabamos provocando un boom", confesa García cun sorriso para Nós Diario.

A tecnoloxía, fundamental para poder competir

O Mundial que actualmente está a ter lugar de modo online orixinariamente estaba previsto para ser en Dinamarca, pero cancelouse, como tantas outras probas deportivas, a causa da Covid-19, até que a tecnoloxía saíu ao rescate do taekwondo.

"O procedemento que tivemos que facer é bastante sinxelo", afirma a directora técnica da Federación Galega. "Primeiro, cada participante ten que gravar dous exercicios, que logo subimos a unha plataforma. Máis tarde, recibimos os resultados da arbitraxe, dicíndonos se pasamos ou non de rolda. De ser positiva a valoración, vólvense gravar outros dous exercicios que serán arbitrados dentro de dez días", explica.

Sobre o papel das deportistas galegas no Campionato do Mundo, para Noelia García o feito de pasar de rolda "é a caña, porque hai un auténtico nivelazo". A causa é que, ademais das nacións que compiten habitualmente nestes torneos, o feito de ser online fixo que outros países que habitualmente deciden non competir por problemas económicos se animasen a participar. 

Deste modo, na categoría Cadete acumúlanse até 250 participantes de 60 nacionalidades distintas para só oito postos na gran final. A principal diferenza entre categorías radica na Sénior, pois a diferenza das inferiores, tanto os exercicios como as valoracións son en directo, algo para o que Noelia García agarda que, chegado o caso, a situación sanitaria galega non sexa un impedimento, como en Catalunya, "onde que os ximnasios permanecesen fechados supuxo un problema".  

Comentarios