O Rías Baixas agarda prolongar o seu bo momento na Santitukz Klasika

A proba de ciclismo vasca suporá o debut de Diego Méntrida
O ex triatleta fíxose popular a nivel mundial por un xesto de deportividade cun competidor inglés. (Foto: Vigo-Rías Baixas).
photo_camera O ex triatleta fíxose popular a nivel mundial por un xesto de deportividade cun competidor inglés. (Foto: Vigo-Rías Baixas).

Tras conseguir o pasado domingo o seu mellor resultado desta tempada na Copa de España, o Vigo-Rías Baixas afronta mañá a quinta cita do certame estatal nun momento inmellorábel. Así, o conxunto flúor disputa a Santikutz Klasika na localidade guipuscoana de Legazpi cunha formación confeccionada por Marcos Serrano e na que destaca a presenza de Diego Méntrida, o triatleta madrileño recoñecido a nivel mundial por renunciar a subir ao terceiro chanzo do podio dunha competición por deixar pasar a un rival que se confundira de camiño, nun xesto de deportividade que tivo lugar o pasado mes de setembro de 2020. 

O seu debut na estrutura presidida por José Luis Chamorro, ademais de no pelotón Elite/Sub-23, chega dous meses despois de que a súa fichaxe polo conxunto galego tivera un grande eco mediático, dada a popularidade do corredor.

Nesta primeira carreira como ciclista, Méntrida compartirá equipo co ex profesional Miguel Ángel Fernández, noveno clasificado o pasado domingo na Clásica de Valladolid. O cántabro obtivo alí o primeiro Top-10 do Vigo-Rías Baixas nesta edición da Copa de España, e aspira a brillar nas estradas vascas tal e como fixo na Aiztondo Klasikoa a mediados de marzo. 

Os outros cinco elixidos por Serrano para medirse aos mellores equipos do panorama estatal, incluído o galego Supermercados Froiz, son Ander del Castaño, Asier González, Álvaro Carasa, Jon Tena e Nicolae Bumbu, que afrontarán un percorrido "rompepernas" de 145 quilómetros con saída prevista ás 9.30 horas da mañá.

A LXXXVII edición desta Santikutz Klasika está repleta de cotas e dificultades montañosas, situándose a primeira ascensión no quilómetro 25 coa subida a Azkarate. A continuación, os ciclistas penetrarán nun circuíto ao que darán dúas voltas e que abrangue os portos de Aztiria, Liernia e Eitzaga. Xa no tramo final, agardan os pasos por Aztiria e Liernia, encarando o Alto de  Gabiria a uns 15 quilómetros para a liña de meta e ascendendo de novo Aztiria -pola súa outra vertente- a só cinco quilómetros da conclusión.

Cambios na Federación Galega de Ciclismo

A Federación Galega de Ciclismo informou de que xa finalizou por completo o proceso de selección dos seus novos responsábeis técnicos, que teñen como misión substituír o desaparecido Guillermo Sande, falecido o pasado mes de xaneiro dun infarto en pleno Campionato de España de Ciclocrós.

Os candidatos escollidos foron Jacobo Ucha e José Manuel Abalo, dous profesionais que se caracterizan "pola súa xuventude e ampla experiencia no ciclismo, coa que intentarán cubrir, na medida do posíbel, o inmenso baleiro que deixou a perda de Guillermo Sande". 

Ucha terá entre as súas funcións a de seleccionador das categorías masculinas e femininas Elite e Sub-23, para as que chega avalado pola súa condición de ex ciclista profesional en formacións de estrada portuguesas como o Ràdio Popular-Boavista (2016) ou o W52-FC Porto (2017). Ademais, conta no seu currículo co título de director deportivo Nivel III, cargo que exerceu no Louriña Cycling Team ao longo de 2020.

Abalo, pola súa banda, encargarase das e dos Júniors e Cadetes. Graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, desempeñou o labor de director deportivo nos equipos Rías Baixas, Barbanza e Ribadumia. 

Comentarios