Consternación no ciclismo galego pola súbita morte de Guillermo Sande

Falece o seleccionador nacional de ciclocrós
Sande levaba 25 anos na Federación Galega de Ciclismo (Foto: FGC).
photo_camera Sande levaba 25 anos na Federación Galega de Ciclismo (Foto: FGC).

O Campionato de España de Ciclocrós que vén de desenvolverse na localidade cántabra de Torrelavega non pasará á historia polas medallas conseguidas pola delegación galega, senón pola súbita e dramática morte do seleccionador nacional, Guillermo Sande Covelo

O tamén responsábel técnico da Federación Galega de Ciclismo (FGC) faleceu o pasado domingo -precisamente o día en que cumpría 55 anos- no hospital de Valdecilla de Santander vítima dun infarto sufrido o sábado mentres se atopaba co resto da expedición galega.

Os seus restos mortais foron trasladados a Galiza no día de onte, chegando ás 16 horas da tarde ao tanatorio Vigo Memorial, onde permanecerán até o día de hoxe. Segundo informou a FGC, ás 17.45 horas terán lugar no propio tanatorio uns oficios relixiosos e logo procederase coa súa incineración.

Guillermo Sande levaba 25 anos vinculado á Federación Galega de Ciclismo, encargándose de tarefas como o seguimento dos corredores e corredoras, o deseño das carreiras, da coordinación das competicións... "e todas elas sempre as levou a cabo coa máxima humildade, educación e profesionalidade", apuntan desde a FGC, quen "desde a máis fonda consternación" expresa o seu "máis sincero pésame a toda a súa familia e amizades".

Unha competición marcada pola traxedia

No momento do infarto padecido por Guillermo Sande xa concluíran dúas das tres xornadas de competición que conformaban o Campionato de España. Nese momento, a selección galega sumaba oito medallas, tres ouros (Miguel Rodríguez, Montserrat Martínez, Isabel Castro), dúas pratas (Eva Ortega, María Filgueiras) e tres bronces (Uxía Soto, Miguel Porto e José Rodríguez 'Tami').

Comentarios