Tebas e a Liga de Fútbol, contra as cordas

O Goberno, a través do Consello Superior de Deportes, di que o Fuenlabrada "non debeu viaxar"
2020072221433247213
photo_camera Entrada do hotel coruñés onde permanecen confinados os xogadores e corpo técnico do Fuenlabrada. (Foto: Distrito Xermar).

Tic tac para Javier Tebas. A espada de Damocles pendura sobre a cabeza do presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP) desde o ano 2013 pola súa actuación no que xa se comeza a coñecer como "Caso Fuenlabrada".

O Goberno estatal, a través do Consello Superior de Deportes (CSD), deulle as costas durante a xornada de onte nun comunicado que evidencia un importante cambio de rumbo desde que a pasada segunda feira avalase que se xogasen todos os partidos da derradeira xornada da Segunda División agás o Deportivo-Fuenlabrada polos casos de coronavirus detectados na expedición do conxunto madrileño.

"O protocolo do CSD di con toda claridade –como recolle o informe da Liga– que en caso de detectarse un positivo hai que, entre outras medidas, 'realizar a proba de Covid-19 a todo o grupo de adestramento, así como ao corpo técnico ou persoal co que puidese ter un contacto, quedando estes apartados até a obtención de resultados'. Desde o noso punto de vista cometeuse un grave erro ao emprender a viaxe do Fuenlabrada á Coruña: os que se fixeron a proba a segunda feira pola mañá debían quedar illados, até coñecerse o resultado, o que ocorreu cando xa estaban na Coruña", indica no seu escrito o organismo encargado da xestión do deporte no Estado español.

O Consello Superior de Deportes incide no feito de que "ante a aparición dun brote, o equipo non debeu viaxar por un principio elemental de prudencia" e pon na picota o Clube de Fútbol Fuenlabrada, acusándoo de "incumprir os protocolos". "O responsábel de aplicar correctamente eses protocolos de seguridade é o clube, e de garantir que así se fai é a Liga", engade.

A maiores, o CSD acusa a Liga e o Fuenlabrada de "opacidade" ante un brote "que requiría unha actuación urxente", unha demora que "puxo en risco a saúde dos seus xogadores, a saúde pública e a competición no seu conxunto".

A Tebas multiplícanselle os inimigos

O presidente da Liga de Fútbol non só ten en contra o Consello Superior de Deportes. Concello da Coruña, Real Clube Deportivo, Elxe, Raio Vallecano e Numancia están que botan fume. De feito, a alcaldesa da cidade herculina xa fixo público que esta mesma mañá interporá unha denuncia ante o fiscal xefe da Audiencia Provincial da Coruña.

O Goberno local apunta que "ante os indicios e feitos" que se foron coñecendo en relación a todo o acontecido arredor do encontro Dépor-Fuenlabrada, queda acreditado "un comportamento absolutamente imprudente e neglixente por parte da LFP".

Por iso, Rey considera que se creou un "risco sanitario evidente" por non ter comunicado inmediatamente a existencia dun foco de contaxio da Covid-19 na cidade, polo que solicitará da Fiscalía que se incoen dilixencias informativas de cara a esclarecer os feitos, "pois de seren certos os indicios estariamos ante unha conduta imprudente con risco exponencial para a saúde pública".

Solicita que a Fiscalía realice unha investigación e se lle solicite información á Liga Nacional de Fútbol Profesional sobre os resultados dos test de coronavirus realizados aos xogadores do Fuenlabrada antes da realización do partido previsto para o 20 de xullo de 2020, con indicación da data en que se efectuaron e a data en que llos comunicaron á Liga, un dato que resulta fundamental para determinar o grao do delito no que puidese ter incorrido a escuadra madrileña.

Comentarios