xoves 21/10/21
Campioa copa estatal de Snowrunning

Rebeca Mariño, deportista: "Cheguei a correr na neve pola falta de carreiras coa chegada da pandemia"

Rebeca Mariño (Boiro, 1983) deixou o taekwondo e os seus éxitos, mais non o deporte. O seu traslado para vivir en Nafarroa e as restricións noutras competicións froito da pandemia permitíronlle coñecer as carreiras pola neve (snowrunning) e na súa primeira participación nunha competición estatal quedar campioa.  
A deportista Rebeca Mariño na terceira proba da Copa estatal que tivo lugar o pasado 13 de febreiro en Larra Belagua, Nafarroa (Fedme/ Liqen Media/ Adrià Martínez)
A deportista Rebeca Mariño na terceira proba da Copa estatal que tivo lugar o pasado 13 de febreiro en Larra Belagua, Nafarroa (Fedme/ Liqen Media/ Adrià Martínez)

Pasou do taekwondo ao snowrunning. Como foi esa transición?

Non houbo transición entre un deporte e outro. Eu deixei de competir en taekwondo no último mundial de México no ano 2013. Centreime no de adestradora dese deporte, traballando no Centro de Tecnificación de Balears, até o ano pasado que fun vivir a Nafarroa e mudei de vida. Ao deixar a competición no taekwondo púxenme a facer carreiras de montaña, a correr coas amizades a partir de finais de 2016.

Participei en varias carreiras e algunhas gañeinas, até que me quedei embarazada en 2017. En 2018 estiven en moitas carreiras populares en asfalto. Despois tiven o neno e non volvín a correr pola montaña até finais de 2019. Aínda así, fixen un par de carreiras en Mallorca nas que quedei primeira. 

O trasladado a Nafarroa coincidiume co tema da pandemia da Covid-19 e xa non puiden competir tanto. Fixen unha carreira de montaña en outubro que tivo lugar en Euskadi e despois nada. O tema da neve veu por ese motivo. Chegeui a correr na nela pola falta de carreiras coa chegada da pandemia. Nunca fora ao monte con moita neve e busquei información. Foi así como cheguei ao snowrunning.

Comprei uns crampóns e en xaneiro comecei a probar. Daquela decidín inscribirme nunha carreira desta especialidade. Ao principio a miña idea era participar no apartado popular e non no circuíto federado da copa estatal. Parecíame que me quedaría grande. O meu home convenceume de que me federada e apunteime. Na primeira proba quedei terceira, na segunda gañei e nesta última quedei segunda polo que no cómputo xeral quedei campioa da copa.

Como explicaría o snowrunnig para quen non o coñeza?

No Estado español é bastante novidade. Houbo carreiras mais é o segundo ano que hai circuíto de copa. Para a xente que está acostumada a facer montaña, como era o meu caso, non é difícil correr na neve. Necesitas ir moi abrigada e hai material obrigatorio que hai que levar ademais do uso de crampóns nos zapatos que empregues para facer montaña.

Hai uns  que son moi especiais, non son moi caros, que se adaptan moi ben ao calzado a través dunhas gomas e adhírense á neve. Iso si, a neve hai que coñecela. Ás veces está dura e podes correr ben. Outras está moi branda e chégate aos xeonllos e non podes correr. Os circuítos fanse, normalmente, nas estacións de esquí. Teñen un par de voltas e son moi fortes en desnivel, con moita pendente. Sobre todo nas estacións que son de esquí alpino, como foi o caso desta última de La Covatilla. Eran case 13 quilómetros mais con 1.200 positivos. Moita pendente para arriba e moita despois moita para abaixo.

O adestramento é específico, diferente ao das carreiras por montaña sen neve?

Tes que mirar un pouco a carreira que vas facer. Nesta última metinme máis costas, máis pendentes fortes. A que gañei era máis corredeira, non tiña tanto desnivel e sabía que tiña que correr. Tes que usar varias veces os crampóns e pisar varios tipos de neve para despois adaptarte na carreira á que é branda ou á que é dura. Saber onde pisar e ter conciencia do terreo.

Logo está o frío. Hai que adaptarse ás temperaturas e ao material que levas. Eu tiven que correr con dous pares de luvas, por exemplo.  Facía moito frío e as condicións meteorolóxicas eran bastante malas, había moito vento con refachos de máis de 100 k/h. Iso si, é igual para todos.

Que futuro lle ves a este deporte na Galiza?

Depende dos territorios que teñan estacións de esquí, por onde se mova a xente. Por ese motivo hai circuítos en Eukal Herria, Catalunya e Madrid onde tamén hai competicións de esquí e raquetas de neve. No inverno móvense moito os deportes de montaña cos deportes de inverno. Na Galiza é máis difícil pola falta de neve. Había galegos   nesta competición e estou segura que se vas ao interior do noso territorio onde hai neve e practicas logo por montaña podes competir perfectamente.

Se eu puiden aínda que nunca vira a neve até decembro de 2020... Antes de vir botei dez anos vivindo en Mallorca e pouca neve había. En todo caso, na Galiza un circuíto sería complicado. Non sei se en Cabeza de Manzaneda podería facerse unha proba.

comentarios