As promesas do piragüismo competiron na Baixa Limia

Marta Castiñeiras gañou en C1 diante de Sara Vila e Silvia Gago (Foto: Fegapi).
Máis de 600 deportistas reuníronse en Muiños para a festa galega do Campionato de Novas Promesas 2023.

As augas do encoro das Cunchas, en Muiños (Baixa Limia) reuniron máis de 600 piragüistas da Galiza para participar no Campionato Galego de Novas Promesas 2023. A competición, que contou coas categorías cadete e infantil, fora aprazada fai tres semanas. 

As probas da categoría infantil por equipos masculina deixaron ao Club de Mar Ría de Aldán como vencedor, e en segundo e terceiro lugar terminaban o Fluvial de Lugo e Ría de Betanzos respectivamente. O podio da xeral feminina completábano o Náutico Pontecesures, Piragüismo Illa de Arousa e o Ría de Betanzos.

Os tres primeiros postos da categoría cadete masculina serían para o Ría de Betanzos, Náutico Firrete e Naval de Pontevedra. Mentres, en mulleres, a vitoria levouna o Ría de Betanzos por diante dos Náutico Cobres e Náutico Pontecesures.

Na categoría Infantil B, Manuela Lastra (Piragüismo Altruán) conseguiu a primeira posición en muller Kaiak. En masculino, Henrique Álvarez (Piragüismo Olívico), faría o mesmo. Na modalidade de canoa, Gabriel Cascallar (As Torres) levou a vitoria, mentres que en mulleres a primeira praza foi para Leire Otero (Kayak Tudense). Pola súa parte, a vencedora da categoría infantil A foi, en mulleres kaiak, Elena González (Piragüismo Altruán). Pola contra, na proba masculina sería Martín González (Club de Mar Ría de Aldán). 

En canoa o primeiro clasificado foi Tomás Pérez (As Torres). A clasificación feminina terminou finalmente coa medalla de ouro para Laura Fuentes (Cidade de Pontevedra).

Categoría cadete

Os distintos podios individuais na categoría cadete A kaiak remataron con Borja López (Náutico Firrete) cruzando a liña de meta en primeira posición, mentres que en feminino a gañadora sería Emily Fernández (Fluvial de Lugo). 

Na modalidade de canoa, o gañador foi Jairo Zurita (As Torres) e a gañadora Lara Remigio (Náutico O Muiño). Por último, os resultados dos Cadete B repartíronse co primeiro posto para Lucas Chao (Piragüismo Ourense) e en Kaiak masculino e Sofía Parada (Piragüismo Cambados) en feminino. Na canoa masculina o triunfo levouno Alejandro Pérez (Fluvial de Lugo) e en C1 a vitoria foi para Marta Castiñeiras (As Torres).