A PREVIA | O Dépor procurará saír en Riazor da súa enésima crise

Tapando os ollos. Así pasará, unha vez máis, boa parte do partido de mañá un sector non pequeno da afección branquiazul. (Foto: RC Deportivo).
Aínda que en Vigo seguen coa resaca da clasificación copeira o fútbol non só non para, senón que multiplica a súa actividade, como demostran todos os choques que os principais equipos galegos disputarán ao longo de toda a fin de semana na Primeira División, Segunda e Primeira Federación feminina e masculina. 

Dicir Deportivo e crise xa semella unha obviedade, pois son termos que van tan relacionados como coche e roda ou inverno e frío. Non gusta un de repetirse cando escribe, pero é que o conxunto herculino está instalado nunha alarma perpetua, polo menos, desde que Pablo Marí fallase aquel testarazo que puido darlle o regreso á Primeira División no play-off de 2019. Outros, como quen subscribe estas liñas, remóntanse moito máis atrás no tempo, até o descenso a Segunda no verán de 2011.

Pero veña de onde veña, o certo é que a derrota da pasada fin de semana ante a Cultural Leonesa deixou a formación branquiazul fóra dos postos de promoción e  a dez puntos dun liderado que ocupa unha Ponferradina que visita Riazor o domingo ás 19 horas da tarde.

Nese encontro, como dicía Luís Aragonés, os locais non teñen máis opción que "gañar, gañar, gañar e volver gañar", porque todo o que non sexa iso, por arriscado que sexa realizar esta afirmación cando aínda restan 18 encontros para o final do campionato, equivalería a despedirse, canto menos, do ascenso directo. 

Porén, o adestrador do Deportivo, un Imanol Idiakez rexeitado por boa parte da afección, considera que a Liga é "un maratón" e que "os que van sextos poden vencer", e non considera que o duelo ante a Ponferradina sexa unha "final", senón só "un partido moi importante".

Cun ollo posto neste encontro desde a outra punta da Península Ibérica, en Sabadell, onde xoga domingo ás 12 horas, estará o Celta Fortuna, sabedor de que se o Dépor raña canto menos un empate e el consigue vencer -como na serie Perdidos, aquí todo ten relación- a escuadra catalá dirixida polo ex técnico do Dépor, Óscar Cano, podería recuperaría o liderado da terceira categoría.

O Lugo e o Arenteiro, pola súa parte, teñen aspiracións máis modestas. Os albivermellos, que non saben o que é sumar de tres en tres desde que o inflamable Tino Saqués despedise Pedro Munitis nun rauto ás dúas da madrugada, necesitan recuperar esa senda desesperadamente ante o Nástic (domingo, 12 horas) senón queren perder un tren do play-off ao que aspira a engancharse o Arenteiro a costa dun Real Unión de Irún ao que visita ás 12 horas do domingo. 

E se miramos arriba?

Quizais por non acabar de crer a súa situación de privilexio como segundo clasificado os seareiros e seareiras do Rácing de Ferrol adoitan mirar os equipos que os axexan na táboa e ignoran o líder, un Leganés -dato, que adestra outro ex deportivista, Borja Jiménez- que ten catro puntos sobre os Diaños Verdes.

Así que, a pregunta é, se consigue pasar por enriba do sempre complicado Real Oviedo o sábado ás 21 horas na Malata, poderá aspirar a alcanzar a cabeza da clasificación a próxima xornada? Todo depende do que faga o líder, que colide co Burgos xa na segunda feira ás 20.30 horas.

Problemas en Abegondo

Outro bloque que está na cabeza da táboa, no seu caso da Primeira Federación Feminina, é un Deportivo que esta fin de semana viaxa até Madrid para retar o filial do Atlético tan cedo como ás 12 horas do sábado. 

A cuestión é que Irene Ferreras non poderá contar cun dos seus activos máis importantes, a xaponesa Ayaka Noguchi, que caeu vítima do mal endémico do fútbol feminino, as lesións nos ligamentos dos xeonllos.

Anticipo da Copa en Vigo

Xa na Primeira División, o Celta xogará o sábado coa Real Sociedade ás 21 horas en Balaídos un anticipo da eliminatoria de cuartos da Copa do Rei en Balaídos. A cuestión principal, ademais do morbo evidente, é se Benítez caerá da burra e optará, por fin, por darlle a titularidade a Douvikas.