Entrevista

Lete Lasa: "O deporte profesional sen público é unha ruína e non ten sentido"

A Secretaría Xeral para o Deporte ten á fronte José Ramón Lete Lasa (Donostia, 1957), un ex xogador de baloncesto que, entre outras, defendeu as cores de Obradoiro e Breogán. Hoxe, xa a décadas vista dos seus días de gloria na pintura, xestiona o presente e o futuro do deporte galego nun escenario máis imprevisíbel que unha xogada de ataque dos Harlem Globetrotters. 
José Ramón Lete Lasa ocupa o cargo de secretario xeral para o Deporte desde 2018. (Foto: Deporte Galego).
photo_camera José Ramón Lete Lasa ocupa o cargo de secretario xeral para o Deporte desde 2018. (Foto: Deporte Galego).

Que valoración fai da actuación da Secretaría Xeral para o Deporte durante estes primeiros nove meses de pandemia?

Teño que facer unha valoración positiva, porque esta desgraza non só non parou o deporte galego, senón que nos fixo esforzarnos moito máis, nun traballo intenso e produtivo para que o sector crecese.

E do Consello Superior de Deportes, institución da que vostede mesmo foi o máximo dirixente? Como valora, tamén, a actuación da súa actual presidenta, Irene Lozano? 

Teño que ser sincero: como decepcionante. Esperaba máis. Certo que é complicado xestionar unha pandemia, e iso que non comezaron mal cos 'Pactos de Viana', pero quedaron niso, no deporte profesional, esquecéndose do deporte non profesional, abandonando parte das súas competencias. Finalmente tivemos un protocolo en setembro, pero segue sen fecharse nun eido que para nós é fundamental, como é o da protección das deportistas. O CSD pretendía que o deporte non profesional fixese burbulla e probas PCR, e iso é imposíbel. Nós, no ámbito galego estabelecemos que se xogue con máscara ou, excepcionalmente cando esta non sexa idónea para a práctica dun determinado deporte, se realizasen tests de diagnóstico, porque aquí entendemos que hai dúas formas básicas para protexerse do virus: a máscara e a distancia. Por iso, na Galiza deportes de contacto como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán até os 16 anos vanse facer con máscara. 

 A proposta do Partido Socialista, o Parlamento Galego aprobou un Plan de Axudas ao sector do deporte. Como está ese tema?

A iniciativa do PSdeG aprobáronse dúas medidas: unha, instar a Xunta para que fixese unha convocatoria específica para gastos relacionados coa Covid-19, e outra, instar o Goberno e o CSD para que apoie os equipos galegos de ámbito estatal. Tiñamos a convocatoria preparada, pero sen o diñeiro. Agora xa o temos, está no proxecto de orzamentos cunha partida de dous millóns de euros para os clubes galegos, coa idea de axudarlles con 'gastos Covid' como máscaras, hidroxel, tests… agardo que se poida tramitar a convocatoria en poucas semanas.

Vostede é o autor da frase "o deporte será con protocolos e con tests ou máscaras ou non será". Ademais, sempre insiste en que a máscara "protexe e non é nociva para a saúde". Non obstante, a OMS vén de desaconsellar nun informe a práctica do deporte de forma intensa con ela posta, pois asegura que pode diminuír a dispoñibilidade de osíxeno e aumentar os niveis de CO2 aspirado. Fixo esta revelación da OMS que mude a súa postura neste ámbito ou continúa firme na esixencia de máscara para o deporte?

Non, porque é só un estudo máis. O informe da OMS, que xa lin, por suposto, é o único que afirma iso, o resto din o contrario. Mesmo a Sociedade Española de Medicina Deportiva e os colexios oficiais de médicos avalan o uso da máscara. En todo caso, se así fose, estamos a falar de deporte autonómico, de base, de afeccionadas... porque as deportistas de alto nivel están exceptuadas do uso da máscara. Se ti queres correr un maratón, pois si, probabelmente non poidas facer un esforzo tan intenso e prolongado coa máscara. No resto do deporte non hai un nivel tan alto de esixencia como para chegar a eses niveis nos que di o estudo que pode producirse un pouco de falta de osíxeno e un aumento do Co2. Hai equipos como o Xiria Calvo de Carballo que, sen necesidade nin obrigación, xogan con máscara. Eu falei con directivas e xogadoras e dixéronme que non tiveron maior problema, salvo unha inicial sensación de incomodidade, pero todo é afacerse, como nos afixemos todas. Levamos máis dun mes desde que puxemos en marcha as competicións autonómicas de deportes de contacto en sitios fechados, e non detectamos nin un só caso positivo, o que confirma que a máscara protexe e non é un impedimento para unha práctica normal do deporte. O test detecta, pero non protexe, e por iso se están a producir casos cando non se usa a máscara. 

Cal é a situación actual do deporte non federado? Resultan as restricións que se lle aplican unha sorte de prohibición 'de facto'?

O deporte non federado sempre estivo permitido, pero individualmente. O colectivo permítese só no ámbito federado, precisamente porque ten protocolos. Non se poden xogar pachangas. Ou si, pero con máscaras. Xa que logo, o deporte sométese ás medidas xerais, que son a distancia e a máscara. 

Representantes de clubes de diferentes disciplinas comentáronme que o nivel das limitacións existentes na Galiza están afastando a xente do mundo do deporte. Estase sendo 'máis papista que o papa' e, quizais indirectamente, prexudicando o noso deporte ao estabelecer maiores restricións que noutras zonas do Estado? 

Non, o que facemos son unhas prácticas bastante comúns en todas as Comunidades Autónomas. Fomos pioneiros, xunto coa Comunidade de Madrid,  na esixencia da máscara no fútbol de até 16 anos, na esixencia de tests... si, pero a xente pode practicar deporte, saír a correr, andar en bici ou ir a un ximnasio. Ás veces temos e teremos que tomar decisións que non gustarán a todo o mundo, pero creo que fixemos un bo traballo, os resultados están aí. 

Un asunto que interesa moito á poboación é o poder asistir a eventos deportivos. Usando como exemplo o Deportivo-Celta B do pasado domingo... Por que nun estadio como Riazor, con capacidade para 30.000 persoas, a asistencia se limitou a tan só 1.000, mentres que a 450 quilómetros da Coruña o Rácing de Santander foi autorizado a contar con 6.666 espectadoras no Sardinero, o que representa un terzo da capacidade do campo?

Hai que saber ler a letra pequena desas porcentaxes autorizadas noutros territorios. Cando se di "até 50%", "até un terzo"... sempre se engade que as persoas teñen que respectar a distancia de seguridade, o que é obrigatorio en todas partes. Entón, a realidade é que, se collemos a capacidade total de calquera estadio, hai que eliminar unha de cada dúas filas, porque sabemos que están tan pegadas que non hai distancia abondo. Polo tanto, alá van a metade das prazas. E tamén é necesario deixar un asento libre á esquerda e outro á dereita de cada localidade útil, polo que non é posíbel que entren 6.666 persoas dentro do Sardinero, serían un máximo de 3.700. Isto está moi estudado. Sen prexuízo de que aquí poidamos chegar a este modelo das porcentaxes cando melloren os datos, preferimos ser máis prudentes e optar por autorizar até 1.000 espectadoras en espazos abertos. Afortunadamente, e polo de agora, solucionamos o problema da maioría dos clubes galegos. En peor situación está o deporte profesional, onde non lles permiten ter nin unha soa persoa entre o público.

Ao fío disto que vostede comenta, que consideración lle merece que, segundo o protocolo da Liga de Fútbol Profesional, non se poida asistir ao fútbol nun estadio como Balaídos, con capacidade para case 30.000 espectadoras, mais si a pequenos campos en ligas como a Segunda B ou a Terceira, que permiten deixar moita menos distancia?

Non ten ningún sentido. Este foi un dos grandes debates que tivemos co CSD durante a elaboración do protocolo. Eles querían impornos a capacidade, e dixémoslles que non, porque aínda que deportivos, trátase de espectáculos, e iso é competencia nosa. Creo que coas medidas de seguridade adecuadas, e se alguén ten os medios para iso é o deporte profesional, pode haber público. Por exemplo, en Europa a xente está volvendo aos campos de fútbol. Eu expúxenlle ao ministro que tiñan que reflexionar sobre a non autorización da presenza de público, pois o deporte profesional está pasándoo moi mal. No baloncesto, onde o público representa máis de 50% do orzamento dos clubes, a situación é de auténtica ruína.

Comentarios