O pádel galego medra á espera de París

O aumento da práctica desta disciplina en poucos anos augura que poderá estar presente nos Xogos Olímpicos de París 2024. Na Galiza contamos con algunhas importantes figuras e cada vez hai máis interese nunha disciplina que, polas súas características, conseguiu sortear as dificultades da pandemia.

O equipo feminino de pádel do CSC Padel Factory, gañadoras da liga e a Copa Xunta este 2021 (CSC Padel Factory)
photo_camera O equipo feminino de pádel do CSC Padel Factory, gañadoras da liga e a Copa Xunta este 2021 (Foto: CSC Padel Factory)

O pádel medrou moito nos últimos anos a nivel galego e tamén a nivel mundial mais continúa sen estar admitido como deporte olímpico. Para conseguilo cumpren algúns dos requisitos, como ter unha federación internacional recoñecida polo Comité Olímpico e suxeita ao seu código ético.

O problema chega coa extensión da súa práctica a nivel mundial: tería que estar implantado en 75 países e catro continentes no caso dos homes, e 40 países e tres continentes no caso das mulleres.

Con todo, o avance é lento, malia contar que é un deporte de raqueta como tamén o son o tenis ou o bádminton, polo que as e os espectadores de todo o mundo poderían adaptarse con facilidade. 

"Non teño dúbida ningunha de que será olímpico, mais aínda haberá que esperar un pouco", explica o presidente da Federación Galega de Pádel (FGP), Manuel Fernández Prado, a Nós Diario. Conta con información de primeira man polo tempo que leva neste deporte e por compaxinar o seu cargo na Galiza coa vicepresidencia da federación española deste deporte.

"Europa esta abrindo portas ao pádel, coa entrada de países europeos como Suecia, Italia, Portugal, Lituania, Estonia, Polonia ou Holanda" polo que está seguro que en breve ese salto "será bo para o futuro das e dos profesionais que se dedican a este deporte, con máis saídas profesionais para todos". 

Mimar o presente para ter un futuro

O pádel ten presente, mais tamén futuro. "Hai xa xogadoras e xogadores noveles loitando por conseguir meterse nas competicións nacionais e internacionais", sinala o presidente dun organismo que recoñece ter "pouca vida federativa" e aínda así, "as rapazas e os rapaces están a coller un nivel moi alto" polo que "non temos dubidas de que despuntaran en breve para entrar nos rankings".

Ademais hai outro dato esperanzador  nesta disciplina a nivel galego como é que en participación, nos 32 clubs que conforman o panorama do país, estase chegando á igualdade en relación ás licencias oficiais de homes (60%) e de mulleres (40%).

Se falamos de futuro e participación nada mellor que lembrar que estes días, do 23 ao 25 de xullo, as instalacións do Club Let Pádel de Ames acollen o Campionato Galego de Menores 2021. Nel participarán deportistas nacidos entre 2003 e 2010, a canteira desta disciplina na Galiza. Fernández Prado admite "que non é fácil captar a certas idades" novas e novos practicantes para o pádel "pois as nenas e os nenos prefiren en maior medida os deportes de equipo".

En todo caso, esta competición "xunto a outros circuítos" organizados por clubs galegos conseguen "cun traballo laborioso e moi meritorio que haxa cada vez máis participantes". 

O práctica do pádel venceu á pandemia

O pádel resistiu o momento que viviu a sociedade en xeral e o deporte galego en particular durante a pandemia. Para o responsábel federativo, con todo, "a situación non podería ser mellor".

Se consultamos a memoria deportiva da propia federación sobre o ano 2020 atopamos que aínda admitindo que viviron unha situación "totalmente anómala" e malia que "trastornou calquera tipo de proxecto e realización de probas que estaban previstas" puideron realizar os campionatos galegos habituais, como son os de Menores, Veteranos e Absolutos, "iso si, con todos os protocolos sanitarios exixidos por Saúde Pública”.

A FGP, desde a chegada da Covid-19, investiu na adquisición de material sanitario e desinfectantes co fin de apoiar os clubs "dalgunha maneira e dentro das nosas posibilidades". Explican que se repartiron de maneira gratuíta termómetros dixitais, xel hidroalcohólico e máscaras en todos os campionatos galegos.

No peor momento da pandemia recoñecen que tiveron que suspender as ligas previstas debido ás múltiples limitacións perimetrais que, aseguran, "facían inviábel que se puidesen trasladar os equipos polas comarcas".

Unha das razóns que mantivo activo este deporte e fixo que continuara a súa practica, en boa medida, foi pola propia estrutura do xogo que está asociada a un deporte seguro que ten lugar nunha pista de 10 metros de ancho por 20 de largo con catro persoas practicamente sen posibilidade de tocarse. 

Ao presidente da federación, satisfeito coa marcha deste deporte, só lle queda agardar polo aumento dos éxitos deportivos e que "os que están na elite consigan chegar aos cadros finais dalgunhas das probas máis importantes". En todo caso ten claro que "o futuro do pádel na Galiza así como no resto do Estado español está mais que asegurado".

Comentarios