O ourensán Iván Salgado, novo campión do Estado español de xadrez

Nas categorías inferiores, gañouno todo. En 2009 até foi subcampión do mundo sub-18. Agora acaba de se tornar no campión do Estado español de xadrez na categoría absoluta, no campionato realizado en Linares.

Iván Salgado
Iván Salgado

Aos seus 22 anos, Iván Salgado, grande mestre internacional, é xa o número un do xadrez estatal, após se impor no torneo realizado en Linares a xogadores tan fortes como o grande mestre internacional Miguel Illescas.

A vitoria de Salgado sobre Illescas (47 anos, oito veces campión estatal) tivo un claro cheiro a cambio de garda, a relevo xeracional na cimeira.

O xadrecista galego non perdeu nen unha soa partida

O xadrecista galego obtivo o título após asinar táboas no último xogo disputado, co tamén moi novo David Antón, unha das grandes revelacións das últimas temporadas.

O grande mestre internacional ourensán mostrou un xogo moi solvente e até brillante por momentos, durante todo o campionato. Boa proba da súa solidez é que non cedeu nen unha soa derrota, o que lle permitiu totalizar 7,5 pontos, 0,5 máis que Illescas, quen se fixo co subcampionato.

Comentarios