Os operadores privados dispútanlles a organización dos campionatos ás federacións

Competición de pádel (Foto: Club de Pádel Bao).
Unha tese da UVigo afonda nos intereses deportivos relacionados cos económicos. 

Historicamente os grandes campionatos estiveron xestionados polas federacións deportivas.

Porén, cada vez é máis habitual a aparición na actualidade de operadores privados que lles disputan ese monopolio, sobre todo no ámbito da organización das competicións profesionais nas que conflúen a maioría dos intereses económicos do deporte, como son os patrocinios  e os dereitos audiovisuais. 

Esta é a idea que expón, na súa tese de doutoramento, Ignacio López, nunha investigación dirixida polo catedrático Julio Costas e defendida na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo.

O estudo, após analizar en profundidade as relacións entre o dereito da competencia europeo e o deporte, apunta que existe un “inevitábel choque” entre o monopolio das federacións e a presenza de novos operadores privados que organizan competicións sen contar con elas. 

Interese no económico

López, avogado especializado en Dereito deportivo e moi relacionado con federacións deportivas, pon como exemplos “a euroliga de baloncesto, o recente caso da superliga de fútbol e outros que van xurdindo en deportes como o pádel ou o golf”. 

Na tese, o letrado afonda tamén no interese por parte dos organismos europeos, sobre todo da Comisión Europea, en fiscalizar e controlar a actividade deportiva desde unha perspectiva económica.

“Hai que empezar a distinguir entre o deporte como actividade física, con esa perspectiva social, integradora e educativa que ten que gozar dunha protección e apoio dos distintos poderes públicos europeos, do deporte como actividade económica”, sinala, “para non ter unha perspectiva socioeconómica, na que se concedan privilexios que noutros sectores económicos serían impensábeis”, conclúe.