OBITUARIO | Manuel Allegue 'Padrón'

 Adeus ao porteiro galego que intimidou á lendaria 'Panteira Negra', Eusébio.
O ex gardameta de Celta e Dépor morreu aos 87 anos de idade. (Foto: RC Celta).
photo_camera O ex gardameta de Celta e Dépor morreu aos 87 anos de idade. (Foto: RC Celta).

Morreu Padrón. Ramón Allegue Martínez foi un gardameta nado na Pobra do Caramiñal o 24 de xaneiro de 1935. Coñecido popularmente como Padrón, debido á orixe da súa familia, era irmán do tamén futbolista Emilio Allegue.

Padrón quedou marcado pola perda de seu pai cando era tan só un cativo, de modo que o seu irmán maior, Antonio, ocupouse da súa educación, incluída a futbolística. Así, transmitiulle o amor polas cores do Real Club Celta e, cando un mozo Padrón viu como o seu adorado Antonio choraba como un neno tras perder os celestes en Balaídos nun derbi ante o Deportivo en 1950, prometeuse a si mesmo que chegaría a ser porteiro do Celta, para que o seu irmán non volvese chorar nunca máis.

A súa promesa fíxose realidade na temporada 1954-55, cando debutou co conxunto vigués tras xogar en equipos como Cambados, Casablanca ou Turista. As súas primeiras tempadas foron complicadas, xa que tivo que competir pola titularidade con auténticas lendas da portería viguesa como Dauder e Aduato. Porén, co tempo fíxose definitivamente co posto e mesmo chamou a atención de clubs como Atlético de Madrid ou Barcelona pola súa colocación e valentía nas saídas, pero Padrón –ou O Tigre, como tamén lle chamaban os seus compañeiros no vestiario- sempre rexeitou calquera posibilidade de abandonar Vigo.

No Celta militou de 1954 a 1962, pasando a un Dépor no que permaneceu até 1964

Ramón Allegue chegou a xogar 145 partidos oficiais co Real Club Celta ao longo das oito tempadas que militou no conxunto celeste, as cinco primeiras en Primeira División e as tres últimas en Segunda. Precisamente, o seu peor momento como celtista foi o descenso á categoría de prata, que sucedeu na 58-59 e na que Padrón, ao igual que o resto dos seus compañeiros, acumulou varias actuacións desastrosas, entre as que se destacou unha derrota por 9-0 ante o Athletic de Bilbao.

En 1962 deu por finalizada a súa etapa como celeste ante a drástica redución do número de minutos que viña disputando e decidiu fichar polo Real Club Deportivo. O seu periplo pola Coruña tivo un comezo inmellorable, xa que derrotou ao lendario Benfica bicampión de Europa no XVII Trofeo Teresa Herrera. Naquel encontro Padrón comeulle a moral a Eusebio até o punto de que nunha falta próxima á área non solicitou barreira “porque sabía que non ía ser capaz de marcarme un gol, como así foi”.    

Desafortunadamente, a súa actuación no Teresa Herrera foi un espellismo e a súa experiencia como deportivista resultou bastante decepcionante, pois durante a primeira das dúas tempadas que vestiu a zamarra branquiazul o equipo baixou a Segunda e Padrón pasou gran parte da Liga lesionado. Ademais, Allegue tan só disputou quince encontros en total, escurecido primeiro trala figura de Betancort e logo pola de Pampols.

Co Deportivo derrotou o Benfica bicampión de Europa no Teresa Herrera de 1962. Enfronte tiña o lendario Eusébio, a quen comeu a moral até o punto de que nunha falta próxima á area non solicitou barreira porque "sabía que non ía ser capaz de marcarme gol, como así foi"

Rematada a tempada 63-64 colgou as botas e como ex-futbolista destacou pola súa mentalidade emprendedora, pois desenvolveu unha aventura empresarial tras outra, incluíndo restaurantes, tendas de deportes e até o seu propio cinema. Incluso se atreveu a escribir guións de cine e outros proxectos literarios, como dous libros sobre o Camiño de Santiago e a Costa da Morte, titulados El Camino del Milenio e Mar Tenebroso.

Comentarios