martes 11/05/21

Peque: "O meu referente non é Messi, son o galego Pola e Eva Manguán"

Pode que o alcume co que Patricia González Mota (Madrid, 1987) é coñecida no mundo do fútbol sala sexa 'Peque', pero o seu palmarés é grande, moi grande, especialmente desde que uniu o seu destino ao do Pescados Rubén Burela, co que en oito tempadas gañou case todo ao que se pode aspirar.
Peque arela continuar gañando títulos coa escuadra galega. (Foto: Pescados Rubén Burela).
Peque arela continuar gañando títulos coa escuadra galega. (Foto: Pescados Rubén Burela).

A apenas un par de semanas do seu 34 aniversario, conta cun palmarés que reflicte que gañou case todo o que pode gañar unha futbolista. Que a motiva a seguir, xa non só competindo, senón a facelo a tan alto nivel, que o fai no mellor equipo do mundo segundo os FutsalPlanet awards, mesmos premios nos que vostede foi nomeada como segunda mellor futbolista do planeta?

Sempre adoito dicir o mesmo: ao final, os títulos que se gañaron no pasado xa están, aí quedaron, no pasado. É certo que gañei moito, todo o que se pode gañar, pero eu quero máis. Por exemplo, agora temos a oportunidade de facernos cunha Copa e co play-off de Liga, e quero gañalo todo, sigo tendo esa ambición.

Botando a vista atrás, á súa primeira etapa en Burela, antes de emprender a súa aventura en Italia, alá polo ano 2012, como evolucionou o equipo a todos os niveis (deportivo, institucional…) nestes case 10 anos?

Evolucionou moito, moitísimo. Cando eu cheguei, en 2012, xa tiñan a idea do que sería co tempo, pero, por exemplo, daquela non tiña un contrato como o que teño a día de hoxe. En termos de comunicación, e administrativamente, trabállase de modo completamente distinto, non había unha estrutura como a actual. O equipo creceu porque era o seu obxectivo, e para iso foron traballando pouquiño a pouco.

—Non sei se practicou algunha vez iso que case todos temos feito e que os anglosaxóns chaman ego surfing, é dicir, buscarse a un mesmo na Internet, pero na súa páxina en Wikipedia sae enlazada unha noticia sobre a fichaxe polo Sinnai italiano na que se define Peque como “a Messi española”, que lle parece?

As comparacións sempre se fixeron, e por sorte ou por desgraza sempre son con alguén do fútbol, cando eu  practico un deporte completamente diferente. Non o tomo a mal, a ver, é con Messi, non con Chygrynsky ou un calquera [ri]. Pero si que me gustaría que me comparasen con alguén do meu deporte, porque téndese a unirnos ao fútbol sala co fútbol cando somos moi diferentes. 

Quen sería ese ou esa referente no deporte do fútbol sala coa que lle gustaría que a comparasen?

Masculino, un rapaz galego, Pola. Para min é un xogador que o ten todo. E feminino houbo grandes, grandes xogadoras. Eu tiven a sorte de xogar con xente como Eva Manguán, que para min é todo un referente, e, calquera comparación con ela, encantaríame.

Sen saír desa analoxía futboleira, cando miro o vestiario do Burela lémbrame a aquel Deportivo da Coruña da década dos 90, que como o seu equipo estaba sustentado nunha  importantísima colonia brasileira, con homes como Mauro Silva, Donato, Bebeto, Rivaldo, Djalminha... Que influencia teñen no Pescados Rubén o Brasil e a forma de entender o deporte desas xogadoras?

Si que é certo que temos moitas xogadoras brasileiras, a metade do equipo de feito [ri]. Elas teñen unha forma de ver e entender o fútbol sala e a vida moi alegre, gústalles moito xogar e transmíteno sobre a pista. Creo que a súa principal achega, o seu factor diferencial, de feito, é a liberdade á hora de xogar, que escapa dunha táctica que nos está oprimindo quizais demasiado.

Por último, non podo acabar a entrevista sen facerlle unha pregunta sobre o monotema: a  Covid-19. En novembro pasado o conxunto de xogadoras do Burela viviron un momento moi desagradábel na cancha do Móstoles, onde se viron obrigadas a xogar con máscara o partido por mor de que as súas rivais non se someteron a tests, e negábanse a facelos. Foi esta a situación máis surrealista ou perigosa que viviu desde que comezou a pandemia? Consegue adaptarse a este contexto cambiante?

Foi a peor con moita diferenza, si, porque xa non era unha cuestión de ter unha ou outra opinión, porque se intentou falar con elas de todos os modos posíbeis, e pareceunos tan surrealista a súa resposta, o seu non rotundo a calquera alternativa que lles propuxemos, que non me cría que esa situación estivese sucedendo, foi o peor. Vin unha falta de compañeirismo e de empatía incríbel, que non atopei nunca, xamais, no deporte do fútbol sala. De feito, até parecía que había unha 'man negra' detrás das xogadoras que lles dicía que non usasen a máscara nin fixesen os tests. E, de verdade, que tratamos de razoar con elas, pero era como falar cunha parede, o non polo non, non se podía falar con elas.

A que podía obedecer ese comportamento? Falaba dunha posíbel ‘man negra’: a directiva? Un ente superior, quizais?

Nós, á hora de falar con elas, todas as escusas que nos puñan facían referencia ao club, mais non entendíamos nada, e máis cando nos coñeciamos case todas, eu mesma coincidín con varias delas na selección. O único que tiñamos claro é que non queriamos pór en risco non só á nosa vida, porque eu, por exemplo, son grupo de risco, senón as nosas familias e a xente de Burela, pois por sorte ou por desgraza estamos bastante illadas nun recuncho do noroeste e por nada do mundo estabamos polo labor de ser nós quen levásemos o becho até a casa. 

comentarios