Os datos non xogaban a favor de Óscar García Junyent, quen estatisticamente era un dos peores adestradores da historia celeste logo de exactamente un ano á fronte do primeiro equipo celeste. Seis vitorias en 34 partidos, cun total de 34 puntos de 102 posíbeis son datos que falan por si sos, o que engadido aos seus enfrontamentos cunha parte do vestiario, como o sostido recentemente con Hugo Mallo, ao que despoxou da súa condición de capitán, conformaban un cóctel que, de estar autorizada a presenza de público nas bancadas, tería estoupado moito antes.
Por todo iso, e a pesar de non caer derrotado na casa do Elxe, onde apañou un empate a pasada sexta feira, a directiva do Celta tomou a decisión de destituír o técnico, o quinto en dous anos e o décimo sexto da era Mouriño como presidente.
Como substituto do catalán foron varios os nomes que se barallaron -Marcelino, o sempiterno Berizzo...- mais o escollido parece ser o arxentino Eduardo Coudet, ex técnico do Internacional de Porto Alegre brasileiro e xogador do Celta durante escasos seis meses na tempada 2002/03, na que apenas contou con minutos.
O Lugo cae con honra
Pola súa banda, o Club Deportivo Lugo apañou na casa do Espanyol de Barcelona a primeira derrota da era Nafti (2-1), nun encontro en que os galegos, a pesar das moitas baixas coas que contaban, mereceron mellor sorte ante o máximo candidato ao ascenso directo á Primeira División.
Adiantáronse os cataláns no minuto 30, pero tan só tres minutos despois Carrillo empataba o partido. Non obstante, no 58 Raúl de Tomás superaba Cantero para subir o 2-1 definitivo ao marcador do RCD Espanyol Stadium, a pesar dos esforzos albivermellos por conseguir o empate.
O Dépor xa é líder na B
Na categoría de bronce, o Deportivo da Coruña fixo boa a súa condición de favorito no derbi galego ante o Coruxo (1-0) e xa é líder, mais logo dunha vitoria pola mínima e cun xogo moi gris. Mellor luciu o Compostela, que finalizou -e de que modo!- a súa seca goleadora cun 3-0 ante o Guijuelo.
Tamén gañou o Rácing de Ferrol, 1-2 ao Salamanca na súa casa, mentres que o Celta B non puido pasar do empate (1-1) ante o outro equipo charro, Unionistas, nunha situación similar á do Pontevedra co Zamora (0-0).