Beatriz G. Cortés supérase en Pontevedra con tres mínimas para o Mundial de natación

A nadadora pontevedresa gañou tres medallas e participará en tres probas no mundial de Barcelona'2013. Vídeo da final de 800 m. libres no interior.

Beatriz G. Cortes

"Quero conseguir conseguir as máximas mínimas posíbeis". Este era o desexo que Beatriz G. Cortés compartira con Sermos Galiza nunha entrevista realizada logo das boas marcas no Meeting Internacional do Mediterráneo disputado en Marsella. Esta fin de semana conseguiuno no XIV Campionato de España Open de Primavera Pontevedra con tres mínimas que lle permitirán participar noutras tantas probas no mundial de Barcelona'2013.

A nadadora pontevedresa do Clube Natación Galaico acadou dúas medallas de prata e unha de bronce nas finais de 200 estilos (2.12.09), 400 estilos (4.39.86) e 800 libre (8.26.54). A única rival que se lle resistiu foi a catalá Mireia Belmonte (UCAM Fuensanta) con seis mínimas en 400 libre (4.05.63 RC), 800 libre (8.24.89), 1.500 libre (16.11.11), 200 estilos (2.10.67), 400 estilos (4.35.27) e 200 bolboreta (2.06.70).

Beatriz G. Cortés, cos excelentes rexistros en 800 m. libres, sitúase como terceira no ranking mundial tras Jazmin Carlin e Mireia Belmonte. A galega estará en Barcelona no mundial que reunirá entre o 19 de xullo e o 4 de agosto as mellores nadadoras do planeta. Antes ten outros compromisos por diante. O máis cercano é a Copa de Clubes que terá lugar do 26 ao 28 de marzo en Madrid. Competirá en 200 m. e 400 m. estilos, e 200 m. e 100 m. libres.

A natación é feminina. Neste Open de Primavera demostrouse ao conseguir a clasificación para o Mundial dez nadadoras fronte a catro nadadores. A nivel galego tamén superou as mínimas María Vilas (CN Riveira) cun tempo de 4.43.99 en 400 estilos. Na probas masculinas, embora realizar un bo tempo, non estará no mundial Óscar Pereiro (CN Arzua) que acadou unha crono de 25.37 na proba de 50 espalda.

Foto e vídeo: RFEN

Comentarios