Nostalxia de Londres no Xapón

Javier Gómez Noya, medalla de prata nos Xogos de Londres 2012, non puido facer bos os prognósticos e quedou fóra do podio en Toquio. Co ferrolán facendo as maletas, outra medallista hai nove anos, Támara Echegoyen, colle o relevo das esperanzas de metal galegas co anhelo de reeditar o éxito logrado no Mundial de 2020.
A galega (dereita) proclamouse campioa do mundo xunto con Paula Barceló no pasado ano 2020. (Foto: EP).
photo_camera A galega (dereita) proclamouse campioa do mundo xunto con Paula Barceló no pasado ano 2020. (Foto: EP).

Que hai máis nostálxico que o deporte? E que uns Xogos Olímpicos? Nada evoca máis os sentimentos, xa sexan de pertenza ou de perda, que asistir a ese last dance -como din os norteamericanos, sempre xeniais coa mercadotecnia- da estrela veterana que, desafiando o paso do tempo, pon en xogo o seu legado gastando os últimos cartuchos dun corpo castigado por lustros de esforzos.

En ocasións a cousa acaba ben, nun final digno de Hollywood, como lle pasou a Carl Lewis con ese salto de 8,50 metros ante o seu público en Atlanta '96. Noutras, o The End é máis amargo, como pode acreditar Javier Gómez Noya en Toquio 2021.

O ferrolán, un dos mellores triatletas de todos os tempos, chegaba á capital nipoa como unha das máis firmes esperanzas galegas de medalla e sabendo que, pasase o que pasase, aos seus 38 anos este sería o seu adeus á distancia olímpica.

Lamentabelmente, o tramo inicial da carreira, a nado, lastrou por completo as súas opcións, chegando a asumir posteriormente o rol de gregario para tratar de axudar o seu bo amigo, o balear Mario Mola, quen finalizou na décima posición, 15 por diante do lendario galego.

Co de Ferrol facendo as maletas, pois non forma parte do equipo que competirá no relevo mixto de tríatlon, o foco do last dance recae na ourensá Támara Echegoyen, que inicia mañá ás 5.05 horas galegas o seu camiño para reeditar o ouro olímpico que conseguiu hai nove anos nos Xogos de Londres 2012.

Bo horario para a vela, o boxeo e o balonmán

Ademais de por Echegoyen, a vela do país tamén estará representada no día de hoxe por Iago López Marra, que debuta na clase 49er masculina a unha hora menos intempestiva que a súa compatriota: as 9.40.

Un par de horas máis tarde, concretamente ás 11.51, será a quenda do peso pesado (81-91 quilos) Emmanuel Reyes, que se enfronta nos dezaseisavos o casaco Vassily Levit.

E, finalmente, Alicia Fernández fecha a presenza galega no día de hoxe ás 14.30, nun partido de balonmán entre España e Francia.

Comentarios