Os Xogos Olímpicos abren coa cerimonia máis triste da historia

A seguridade e a sobriedade caracterizan a apertura da proba nipoa.
A cerimonia inaugural disputouse sen público a causa da Covid-19, norma que non aplicou ao selecto milleiro de VIP's que si foron autorizados. (Foto: EP).
photo_camera A cerimonia inaugural decorreu sen público pola Covid, norma que non aplicou ao selecto milleiro de VIP's que si foron autorizados. (Foto: EP).

Contra vento e marea, e a pesar das protestas e o ruxe-ruxe sobre unha nova suspensión que chegaban desde o Xapón a causa do avance da pandemia da Covid-19 no país do sol nacente, os Xogos Olímpicos arrancaron oficialmente no día de onte cunha cerimonia inaugural que pasará á historia pola frialdade que a caracterizou a causa da ausencia de público nas bancadas e o impacto visual das máscaras cubrindo os rostros dos e das atletas.

Representantes de 207 comités olímpicos diferentes desfilaron durante case catro horas a ritmo de videoxogos, con cancións de clásicos das sagas Dragon Quest, Final Fantasy, Sonic ou Kingdom Hearts, nunha temática gamer que enlaza coa inesquecíbel irrupción do primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, na clausura dos Xogos de Río 2016, onde apareceu a través dunha tubaxe e vestido como Super Mario, o lendario fontaneiro de Nintendo creado por Shigeru Miyamoto.

Porén, e a pesar do alegre leit motiv escollido por unha organización que viu como o director da cerimonia, o humorista e director de teatro Kentaro Kobayashi, dimitía a horas do comezo da mesma logo de que saíse á luz pública que fixo unha chanza sobre o Holocausto en 1998, a escuridade da cálida e húmida noite nipoa pareceu contaxiar unha inauguración lúgubre e silenciosa a causa da ausencia de público nas bancadas do xigantesco Estadio Olímpico de Toquio, que ten capacidade para máis de 60.000 persoas.

Tan só os discretos aplausos procedentes da bancada de prensa e do palco de autoridades, onde se congregaron arredor dun milleiro de VIP's para os que non aplica a normativa contra a Covid-19 que si é válida para o resto dos mortais, racharon cun silencio erixido como son de fondo desta peculiar edición dos Xogos Olímpicos.

Nostalxia condicionada polo coronavirus

A pandemia, que no seu momento xa obrigou a desprazar a proba lonxe das súas datas   orixinais, no verán de 2020, sobrevoou en todo momento a nostálxica cerimonia inaugural. Por exemplo, no momento en que un profesional sanitario foi unha das persoas escollidas para formar parte da comitiva que portou a bandeira xaponesa até o mastro na que foi izada, ou no minuto de silencio que se gardou en memoria de todas as vítimas da Covid-19, que tivo como marco unha escenografía extremadamente intimista.

Tamén nos rostros dos e das miles de atletas que conformaron as 207 delegacións, ataviadas cunha máscara para tratar de evitar a propagación dunha doenza que xa corre pola Villa Olímpica, onde se rexistraron varios contaxios, incluído un na delegación española, do masaxista do equipo de ciclismo, aínda que as PCR descartaron o contaxio nas corredoras.

Arredor de 5.000 persoas berraron contra os xogos fóra do estadio

Ademais, aproximadamente 5.000 persoas segundo datos facilitados polas autoridades locais se congregaron nas inmediacións do Estadio Olímpico e ante o consistorio de Toquio para alzar a súa voz contra a disputa os Xogos para "salvar vidas".

O aumento de casos nas últimas semanas levou á declaración por parte do Goberno do Estado de Emerxencia Sanitaria na rexión toquiota, o que equivale, ademais da prohibición de público nas bancadas de eventos deportivos como os Xogos Olímpicos, un recorte de horarios para bares e restaurantes, así como a prohibición da venda de bebidas alcohólicos.

Por outra banda, as manifestantes tamén berraron consignas contra o elevado custe económico do certame deportivo,  que a causa dos problemas derivados da pandemia elévase xa a 15.000 millóns de dólares  cantidade que duplica á estimada inicialmente.

Javier Gómez Noya: opcións de conseguir unha medalla de ouro olímpica no Día da Patria Galega

A ampla delegación galega nos Xogos Olímpicos de Toquio, conformada por 25 representantes, botou a andar antes mesmo da cerimonia de inauguración do certame. Así, o porteiro Iván Villar estreouse no empate sen goles ante Exipto, aínda que a titularidade de Unai Simón levou a que pasase os 90 minutos no banco dos suplentes.

Daniel Castro, pola súa banda, finalizou no posto 44 na quenda de clasificación do tiro con arco e xa coñece o seu rival na rolda de 1/32, o taiwanés Chung Heng Wei. Xa na madrugada de hoxe, horas antes de que este xornal chegue ás súas mans,

Rodrigo Corrales representará Galiza na Estatal de balonmán no choque ante Alemaña, mentres que o remeiro Caetano Horta competirá por meterse na semifinal A do Dobre Scull Ligero xunto ao seu compañeiro Manel Balastegui.

Non obstante, o prato forte chegará ás 23.30 horas do domingo 25 de xullo, Día da Patria Galega, cando Javier Gómez Noya loite por facerse, por fin, coa medalla de ouro, logo do cuarto posto que obtivo en Pekín 2008, a prata de Londres 2012 e a frustración que supuxo non poder acudir por lesión a Río 2016. Todo iso sen esquecer que ás 12.30 Alicia Fernández enfrontarase a Suecia no balonmán feminino.

Comentarios