O lucense sub 12 Andrés Pereiro, campión do Máster Rafa Nadal

O tenista non cedeu nin un set en todo o torneo, ao que chegou despois de clasificarse nas cinco citas anteriores.
andres_pereiro-tenis
photo_camera No Circuíto Rafa Nadal Tour participaron 1.400 tenistas. Na imaxe, Pereiro no Máster de Mallorca (Foto: Federación Galega de Tenis)

O tenista lucense Andrés Pereiro proclamouse campión sub 12 do Máster do Circuíto Rafa Nadal Tour en Mallorca. O xogador non cedeu nin un só set en todo o torneo, que se iniciou na cuarta feira e finalizou onte.

Pereiro impúxose 6-1 e 6-2 a Maxi Carrascosa Díaz no primeiro partido. A continuación,  no encontro correspondente a unha das semifinais, derrotou con idéntico resultado de 6-1 e 6-2 ao seu rival, Valentín González-Galiño Ortuño.

E xa na final, Andrés Pereiro tivo unha espectacular actuación diante do cabeza de serie número un do torneo, Manuel Paez Muñoz.

O tenista lucense gañou o primeiro set cun inapelábel 6-0. No segundo e definitivo parcial tamén se impuxo con superioridade e venceu por un resultado de 6-3.

Referencia estatal

O Rafa Nadal Tour é o circuíto de referencia a nivel estatal para o tenis xuvenil. No Máster gañado por Pereiro participaron os 32 tenistas de categorías Sub-12 e Sub-14 ─masculinas e femininas─ clasificados nos cinco torneos previos: Barcelona, Sevilla, Madrid, Valldoreix e Valencia.

Nesta sétima edición participaron 1.400 mozas e mozos procedentes de máis de medio cento de países de todo o mundo.

Comentarios