Nace o 'Team Galiza' de roller derby para competir na Liga Nacional

A escuadra galega terá que loitar con outros 13 equipos de todo o Estado.
A escuadra galega competirá polo título con outros 13 equipos. (Foto: RD Irmandiñas).
photo_camera A escuadra galega competirá polo título con outros 13 equipos. (Foto: RD Irmandiñas).

A Liga Nacional de Roller Derby, que reúne 14 conxuntos procedentes de practicamente todos os territorios do Estado español, contará neste 2022 con representación galega da man do Team Galiza, unha sorte de selección galega oficiosa que axunta as patinadoras galegas máis indómitas.

Aínda que até o mes de maio non se coñecerán os equipos que disputarán fase final, o Team Galiza xa coñece os seus rivais na fase inicial do torneo: Roller Derby Reus, La Güestia Roller Derby Asturies e Destroyer Kinkis, escuadra conformada por deportistas procedentes de Cáceres e Salamanca.

Deste modo, o Team Galiza estréase nunha competición que ten como característica principal o feito de estar integramente organizada e xestionada polas propias patinadoras. 

140 anos de historia

A patinaxe na Galiza ten 140 anos de historia, é o roller derby é unha das modalidades máis recentes e con máis éxito na actualidade.

Trátase dun deporte de contacto no que dous equipos compiten sobre patíns nunha pista normalmente ovalada para sumar o maior número de puntos posíbeis, que se obteñen cando a anotadora de cada conxunto é quen de superar a liña defensiva do cadro contrario.

"O roller derby é un deporte moi reivindicativo, moi feminista e que defende os dereitos LGTBQ"

Ademais, trátase dun deporte "reivindicativo, moi feminista, e que defende os dereitos LGTBQ", como explica para Nós Diario Rosa, xogadora do equipo de Roller derby As Brigantias da Coruña.

Comentarios