Santi Mina seguirá no Celta até que se resolva o seu recurso para "non premialo" nin "condicionar o equipo polo tope salarial"

Carlos Mouriño culpa Denis Suárez de "querer prexudicar" o clube. "E non o vou consentir", dixo.
Santi Mina, nun partido da pasada tempada. (Foto: Europa Press)
photo_camera Santi Mina, nun partido da pasada tempada. (Foto: Europa Press)

A falta de dúas semanas para o inicio da Liga o técnico Eduardo Coudet segue a agardar as incorporacións prometidas por un Celta que asinou este verán o dobre de saídas que de chegadas.

O presidente do clube, Carlos Mouriño, xustificou esta quinta feira a demora das fichaxes pola situación na que se atopan Denis Suárez e Santi Mina, ambos os dous fóra dos plans do primeiro equipo, mais por circunstancias radicalmente distintas.

"Entre [os salarios de] Denis e Mina suman 20% de todo o equipo, son dos que máis cobran. E están a condicionar o mercado, esa é a realidade", afirmou, nunha rolda de prensa que convocara na cuarta feira para abordar unicamente esta cuestión.

Sobre Santi Mina, condenado pola Xustiza almeriense en maio a catro anos de cadea por un delito de abuso sexual, o mandatario celeste dixo que, cando foi contratado polo Celta, os seus avogados "convenceron [o clube] de que non pasara nada e que sería inocente".

"Mentres non haxa sentenza firme debemos respectar os seus dereitos. Se o rescindimos, estamos a premialo e condicionamos o equipo polo tope salarial", afirmou, confirmando que o Celta non moverá ficha até a resolución do recurso presentado polo xogador.

O caso de Denis

A respecto da situación de Denis Suárez, cuxa continuidade foi rexeitada por Mouriño meses atrás debido a conflitos do clube coa súa axencia de representación, lamentou telo fichado: "Coa ilusión daquela 'operación retorno' trabuqueime. Pido desculpas, porque quen fallou fun eu".

Na mesma liña, culpouno de pretender "prexudicar" o Celta: "Denis Suárez non está apartado. Adestra cos seus compañeiros coma calquera outro. Moitos xogadores doutros clubes non foron convocados e só un denunciou: Denis, que quere pór á afección contra o clube".

Así, asegurou que o xogador de Salceda recibiu catro ofertas "que melloraban o seu salario", mais, segundo Mouriño, non aceptou "porque quere forzarnos a que o despidamos para prexudicar o clube, e non o vou consentir", dixo.

Comentarios