O corredor de fondo Alejandro Gómez Cabral, natural de Vigo, faleceu este domingo aos 53 anos de idade, a causa do tumor cerebral inoperábel que lle fora diagnosticado o pasado mes de xuño.
Con apenas 21 anos, o atleta acudiu aos Xogos Olímpicos de Seúl en 1988, na carreira de 5.000 metros.
Anos máis tarde pasou á modalidade olímpica de 10.000 metros, con senllas participacións en Barcelona (1992) e Atlanta (1996).
Gómez foi cinco veces campión estatal na proba dos dez quilómetros, en 1989, 1991, 1993, 1995 e 1996.
Así mesmo, proclamouse vencedor na media maratón en dúas ocasións (1992 e 2003).
Por outra banda, en 1997 obtivo o segundo posto na maratón de Róterdam cunha marca de 2:07.54, récord do Estado español.
O atleta, para moitas seguidoras e seguidores do atletismo o mellor fondista galego da historia, fora recoñecido o pasado ano como 'Vigués Distinguido' pola súa existosa traxectoria.