domingo 29/11/20

O Monbus Obradoiro cae con dignidade ante os campións

As baixas por lesión pasaron factura aos galegos
O lendario Albert Oliver tornou no quinto home en repartir 2.000 asistencias na Liga ACB. (Foto: ACB).
O lendario Albert Oliver tornou no quinto home en repartir 2.000 asistencias na Liga ACB. (Foto: ACB).

O Monbus Obradoiro, único representante galego na Liga ACB, caeu derrotado na casa do actual campión, o TS Systems Baskonia (80-74), nun encontro condicionado pola baixa de última hora de Laurynas Birutis, que se sumaba á xa coñecida de Mike Daum, e coa dúbida dun Steven Enoch que non foi do cinco de inicio. E, con todo, os de Moncho Fernández ofreceron resistencia até o mesmo final do partido, reinando a igualdade no marcador até que o arxentino Luca Vildoza marcou as diferenzas coa súa calidade.

Comezaron os vascos moi metidos no choque, mentres que aos obradoiristas custoulles atopar vantaxes en ataque. Un parcial inicial de 8-0 a favor dos locais fixo saltar as alarmas no banco galego en busca dunha reacción que chegaría da man de Kassius, asistindo e anotando de tres en tres. Outro lanzamento desde 6,75 de Czerapowicz puxo o empate no electrónico, estabelecendo unha igualdade que chegaría para quedar o resto do encontro.

Moncho Fernández pediu intensidade aos seus xogadores, que responderon deixando a alma na pista do Fernando Buesa Arena, a pesar de contar con tan só tres pivotes, dous logo da eliminación de Enoch por cinco faltas. Con todo, a enerxía e o alto nivel defensivo mostrado decaeu no terceiro cuarto, e tan só tres minutos nos que os galegos levantaron o pé do acelerador bastaron para que o Baskonia se distanciase no marcador tras aproveitar unha serie de erros nos rebotes ofensivos e na precisión nos lanzamentos na zona, quer por erros propios, quer pola esixente defensa de Baskonia.

A pesar diso, o Monbus Obradoiro comezou o último cuarto só sete puntos abaixo, chegando a poñerse a tan só tres tras unha canastra de Suárez (64-61,  min. 08:13). Mais, de novo, o Baskonia, con Luca Vildoza como referente, conseguiu pór a máxima distancia do partido logo dunha canastra de Henry (nove arriba a falta de 04:57).

Tiveron opcións para empatar o duelo os de Moncho Fernández, pero un par de accións nas que non faltou a mala sorte, pois xogadores composteláns esvararon non unha, senón dúas veces, fixeron que os obradoiristas non atacasen e Peters respondeu cun triplo que practicamente sentenciou o encontro (80-72). O Monbus Obradoiro conseguiu anotar unha canastra máis, pero, xa sen tempo, a vitoria levárona os locais (80-74).

Albert Oliver queda até final de tempada

O xogador máis veterano do campionato, o base catalán Albert Oliver, seguirá en Compostela até final de tempada, logo de que o Monbus Obradoiro prorrogase o contrato que os vinculaba desde o pasado mes de setembro.

Tras o anuncio, Oliver -que nos primeiros nove encontros do campionato promediou 13 minutos, catro puntos e 1,6 asistencias por partido-, declarou estar "moi contento, porque cheguei aquí asinando un contrato de dous meses e non sabía que ía pasar. Isto é algo que tanto o club coma min queríamos".

Oliver confesou sentirse "moi a gusto no equipo desde o primeiro día", e quixo expresar o seu agradecemento "a todos os compañeiros, sobre todo a Pepe, que fai que todo o mundo estea a gusto non só na pista, senón tamén fóra. Axudáronme moito para adaptarme da mellor forma posíbel". Ademais, lanza unha mensaxe á afección: "Mantede a ilusión". 

comentarios