martes 20/10/20

Calderón e Obradoiro, unidos para promocionar o Camiño

O ex xogador da NBA é o protagonista dun documental, que foi presentado onte nas instalacións do clube compostelán. 
obradoiro_caminho_calderon
Mateo, Castro e o adestrador Moncho Fernández, na presentación (Obradoiro CAB)

O Obradoiro continúa inmerso na semana de adestramentos para preparar o partido do domingo, ás 20.45 horas, cando recibirá o Gipuzkoa Basket, e que estará dedicado ao proxecto O Camiño acaba no Obradoiro.

Onte presentáronse os detalles do choque e ademais o clube proxectou en primicia o tráiler do documental desta sexta edición, co ex NBA José Manuel Calderón como protagonista, precisamente coincidindo co día do seu debut na ACB, hai 20 anos.

O director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, explicou que "normalmente facemos coincidir este partido dedicado coa presentación do documental, onde homenaxeamos o protagonista, mais nesta ocasión as circunstancias fixeron que a estrea se teña que adiar, pois queremos que o Sar tribute a José Manuel o aplauso que merece. Si teremos as contraprestacións especiais que irán destinadas ao Camiño de Santiago, nos soportes dixitais do partido a través das diferentes canles do clube e na propia retransmisión televisiva, que chegará aos máis de 140 países en que a día de hoxe se pode ver a Liga Endesa".

Mateo quixo pór en valor "o feito de realizar este verán o Camiño de Inverno nestas circunstancias" de pandemia. "José Manuel e todo o equipo [do Obradoiro], que marchou con el desde Monforte até a Praza do Obradoiro, deron unha lección do que proclamamos, que son os valores do Camiño e do deporte, e que estou convencido de que se poderá apreciar no documental", sinalou. 

Calderón, "un luxo" 

Sobre o protagonista, a directora do departamento de Turismo da Xunta, Nava Castro, salientou que "Calderón é un gran xogador e para nós foi un luxo contar este ano con el para poder promocionar o Camiño". E engadiu que "é unha mágoa non poder facer esta presentación do documental, mais chegará o momento e estaremos todos pendentes para ter a oportunidade de velo".

Castro aproveitou para anunciar unha "gran celebración, mais con distintos tipos de actividade" en 2021, Ano Santo, once anos despois do último. "Estamos a traballar para reformular todas aquelas actividades que queremos seguir facendo. Vai ser un ano especial, por suposto, mais o que pretendemos desde o Xacobeo 2021 é continuar sendo un referente internacional cheo de valores". 

comentarios